A clausura da exposición Fóra todo o estraño porá mañá o ramo ao programa “A saúde mental na sociedade actual”

    4

    A exposición Fóra todo o estraño do artista urza que se pode ver no Café Moderno pecha as súas portas mañá 8 de febreiro. A mostra é un dos piares do programa A saúde mental na sociedade actual promovido pola Concellería de Benestar Social Municipal.

    Durante os días da mostra celebráronse catro relatorios (o outro piar do programa) sobre distintos aspectos da enfermidade mental e, en todos os casos, o público encheu o Café Moderno amosando o enorme interese da cidadanía por esta temáticas pois como comentaron algúns dos relatores participantes, a realidade actual é a seguinte:

    • os trastornos mentais afectarán a unha de cada catro persoas ao longo da súa vida

    • supoñen un peso superior ás neoplasias (cancros) e ao das enfermidades cardiovasculares no global das patoloxías.

    • constitúen cinco das dez primeiras causas de discapacidade no mundo.

    Aínda que haxa persoas con máis predisposición xenética que outras a telo, os factores ambientais poden afectar de forma determinante na aparición de trastorno mental, polo que todos estamos expostos a iso. En España, entre o 2,5 e o 3% da poboación adulta ten unha enfermidade mental grave, a esquizofrenia afecta a preto do 0,7% da poboación española e o trastorno bipolar ao 0,5%.

    Nos encontros fíxose un percorrido polo panorama xeral da saúde mental na actualidade, tratouse a relación entre a creatividade e o trastorno mental, falouse da enfermidade mental nas mulleres e tamén abordouse o estigma deste tipo de enfermidades e os seus efectos nos doentes xa que ten unha componente sanitaria (accesibilidade/utilización de servizos sanitarios), sociais (acceso á vivenda….), laborais, etc

    O Concello de Pontevedra seguirá a traballar na realización de labores de sensibilización, promovendo a saúde a mental e loitando contra o estigma que sofren as persoas con enfermidade mental a nivel xeral e nos medios de comunicación en particular.