A cidadanía ten que entender o que gaña cos novos modelos de cidade, sinala Busquets

37
  • Joan Busquets sinala que as cidades do século XX daban resposta ás necesidades dos coches, a xente no século XXI pide outras cousas (calidade de vida, sostenibilidade….)
  • O arquitecto- urbanista e catedrático de Harvard participa na ultima xornada de Urbtopías co tema “Os valores da cidade” que terá lugar no Sexto Edificio, hoxe ás 19.00 horas

No século XX, as cidades daban resposta ás necesidades dos coches. No século XXI, a cidadanía pide outras cousas, pide harmonía co territorio, outras formas de mobilidade” sinala o arquitecto urbanista e catedrático de Urban Planning and Design da Graduate School of Design da Universidade de Harvard, Joan Busquets. Unha realidade que “obriga a repensar as cidades”.

Busquests está en Pontevedra para participar hoxe, ás 19.00 horas, en Urbtopías onde pronunciará unha conferencia sobre “Os valores da cidade”. A súa intervención e posterior diálogo coa concelleira de Urbanismo, Centro histórico e Promoción da cidade, Anabel Gulías pechará o foro que converteu á Boa Vila nun punto de encontro e reflexión sobre as cidades posibles. A cita terá lugar no Sexto Edificio do Museo e a entrada é libre até completar aforo.

Joan Busquets mantivo un encontro esta mañá co alcalde Miguel Fernández Lores e os concelleiros de Infraestruturas e de Urbanismo, César Mosquera e Anabel Gulías no que falaron da experiencia Pontevedra e do futuro das cidades, un futuro que camiña cara a sostenibilidade.

Após do encontro, Mosquera e Gulías acompañaron a Joan Busquets a percorrer a cidade. “Teño moito interese en coñecer en persoa unha experiencia da que sei por ter lido moitas referencias dela” indicou Busquets.

Cada experiencia é diferente, lembra o urbanista catalán quen avoga por enfrontar o futuro das cidades desde o consenso, coas ideas claras e “lanzando proxectos-piloto” que “convenzan” ás persoas das vantaxes dos cambios. “Os técnicos temos que facer proxectos claros; os políticos teñen que explicalos ben e os cidadáns teñen que entender o porqué do cambio e o que gañan: en calidade de vida, en verde, sostenibilidade….en futuro” resume Joan Busquets.

JOAN BUSQUETS. Arquitecto Urbanista, catedrático da Urban Planning and Design da Graduate School of Design da Universidade de Harvard. Ata 2002 foi catedrático na Escola de Arquitectura de Barcelona, Director de Urbanismo do Concello de Barcelona nos preparativos dos Xogos Olímpicos de Barcelona 1992. Desde os anos 90 desenvolve proxectos urbanos en varias cidades europeas como A Haia, Delft, Xenebra, Rotterdam, Toulouse, Toledo e Lisboa entre moitos outros, e en todo o mundo como Montreal, Singapur, Shanghái, Ningbo e São Paulo.

Entre as súas últimas publicacións atópanse: Cities X Lines: A New Lens for the Urbanistic Project (2007), Catalunya continental: rail infrastructure as the backbone for development (2008), Cerdà and the Barcelona of the future (2009), Maastricht – Urban Surplus (2009), Shenzhen (2010), Spoorzone Delft-Railway Zone Public Space Design (2011), Joan Busquets -City in layers – Erasmus prize 2011 (2011), Niewe centrum, Nesselande, Roterdam (2011), Dunkerque projet de réaménagent du centre-ville (2012), Innovative Boulevards in Lisbon (2013), World Architecture Magazine n o 272 WA: Joan Busquets +BAU/BLAU (2013), Barcelona: the Urban Evolution of a Compact City (2014), Toulouse – Identité et partage du centre-ville (2014), Redesigning Gridded Cities – 4 Volume Set: Hangzhou Underlays, Manhattan Framework, Chicago Boundless and Barcelona Collage (2017), Savannah: Rethinking the multi-scalar capacity of the city project (2018) e Chongquing: Searching for regularity as a transformative model in the design of the contemporary city (2018).

Foi galardoado co mundialmente coñecido Premio Erasmus de Holanda en 2011; Premio Cultural de Arquitectura de Cataluña; o Gran Premio Especial de Urbanismo en Francia en 2012.