Lores na Sorbona: “Transformar as cidades é cuestión de amor e autoestima”

66
  • Un encontro con alumnos universitarios en París, dá lugar a unha animada charla sobre os cambios que precisan as cidades

“Transformar as cidades non é tanto unha cuestión de esquerdas ou dereitas, como de amor á cidade e ao país. Eu penso que ten que ver máis co amor propio, a autoestima; para min é máis por nacionalismo que por esquerda”, foi a resposta de Miguel Anxo Fernández Lores a un alumno da Sorbona durante o animado debate que tivo lugar onte pola tarde na universidade parisina tras a detallada intervención do alcalde explicando polo miúdo a transformación da cidade.

Outra pregunta era sobre os custes do novo modelo: “Facelo ben non ten que ser máis caro que facelo mal. O importante é o concepto, o rumbo que a cidade quere tomar e a política, que ten que ser quen de levar adiante as transformacións con decisión e valentía”, concluiu Lores.

A master class tivo lugar nunha aula do Panteón, a sede histórica da Sorbona, enmarcada na cátedra de Emprendemento, Territorio e Innovación, e foi presentado pola profesora Christelle Thomas, directora executiva da cátedra, quen dixo que mellorar as cidades pasa por sumarse ás novas dinámicas para facer máis habitables os espazos, pero tamén por provocar cambios culturais nas persoas, que deben modificar o seu xeito de relacionarse coas cidades: “temos que mellorar o noso compromiso co medio, e polo tanto innovar en políticas sociais e medioambientais, de cara a conseguir individuos que vivan en cidades máis inclusivas, con maior benestar e calidade ecolóxica”.

A intervención de Lores iniciouse con cuestións de concepto sobre o cambio que neste momento buscan as cidades na súa relación cos coches, o dereito ao espazo público, a necesidade de mellorar as rúas e prazas para que estas podan chegar a ser unha continuación do espazo privado, mudar a cultura da mobilidade desde unha óptica global, promover unidades de vecindade onde boa parte das actividades humanas e os transportes públicos podan desenvolverse a 15 minutos da casa ou prestar atención ao medio ambiente urbano ademáis da que merecen os espazos naturais como bosques ou océanos.

A partires de aí referiuse a cómo se foi gañando espazo público grazas á redución dos desprazamentos mecanizados, os tipos de tráfico, a consideración de camiñar como un modo fundamental para a mobilidade urbana, os tipos de tráfico a motor, o tráfico de necesidade, o sistema de aparcamento en Pontevedra, a cidade 30 ou os lombos.

Reducción de consumo hidrocarburos, mortos cero, aumento do espazo público en relación ao motorizado, os avances na mobilidade escolar, a compra a pé e o incremento de habitantes e as actividades económicas fóron os resultados da experiencia pontevedresa que xustifica a admiración internacional xenerada polo novo modelo.

O dilatado debate posterior centrouse nos proxectos futuros, a posibilidade de replicar o modelo nunha cidade grande como París, os custes do novo modelo, a relación entre o centro e a periferia ou como puido convencer aos sectores máis refractarios. Entre as respostas, Lores recoñeceu que iso de “gobernar para todos” do que falan algúns representantes políticos “é imposible; nunca se pode facer. Ao gobernar tes que cumprir o teu programa eleitoral e non enredarte en buscar consensos que son imposibles”.

Manifestou que a oposición dos comerciantes vai cedendo á medida que van perdendo o medo a que os seus negocios se resintan, e a oposición política forma parte do previsible: “Moitas veces son simplementes miradas distintas sobre a realidade; é normal que existan persoas que non están de acordo”.

Ao ser preguntado se o modelo pode ter réplica en cidades como París, responde que o importante é compartir a filosofía de conseguir máis espazo público para a xente e melloralo para permitir unha vida de maior calidade non só para os turistas ou nos barrios centrais, senón en toda a cidade, porque do contrario téndese á expulsión das persoas dos mellores barrios: “Ten que haber uns criterios comúns a toda a cidade, xestionando o conxunto cun mesmo criterio de extender a calidade do espazo a todos os barrios e mudar a cultura da mobilidade”.