Joan Clos: “Pontevedra é un modelo de estratexia e visión. É un modelo, e punto”

14

O ex director executivo do Programa de Nacións Unidas para os asentamentos humanos (ONU-Habitat), ex alcalde de Barcelona e ex ministro de Industria, Comercio e Turismo, Joan Clos inaugurou esta semana o programa Urbtopías, unha proposta do Concello de Pontevedra, a través da Concellaría de Promoción Económica, que pretende debater e profundar sobre cal é a dirección que están a tomar as cidades do mundo, e Pontevedra entre elas, dende todos os eidos.

Á súa chegada a Pontevedra, Joan Clos asegurou que era un “pracer pisar e tocar a transformación dunha cidade coñecida e recoñecida en moitas partes do mundo”, logo de manter un encontro co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, e o concelleiro de Infraestruturas e vicepresidente da Deputación, César Mosquera.

Na súa comparecencia ante os medios de comunicación explicou que a superficie do espazo público do mundo está en retroceso. Pasou nos últimos anos do 24 ao 21%, ao existir unha “certa” comercialización do urbanismo, xa que priman os razoamentos económicos a curto prazo.

Explicou que a prioridade do espazo público ten que ver coa educación, a cultura, co capital social dunha cidade, xa que se o espazo público está ben tratado, a xente é máis solidaria.

Neste marco, “Pontevedra é un modelo e punto”, concluíu Clos taxativamente. “Recoñecido co paso dos anos como modelo de estratexia e visión”.

Manifestou que a creación dunha cidade como Pontevedra “non é un problema de grandes investimentos” xa que “se pode facer mellorar unha cidade con custes razoables sen pedir peras ao olmo, con sentido común, visión, convicción e capacidade de facer”.

Por iso asegurou que hai que recoñecer “ao alcalde e ao goberno todos estes anos de aposta por un modelo de cidade interesante e relevante”.

Clos tamén o tivo claro ao contestar que o modelo de Pontevedra pode ser exportado a outras cidades de maior tamaño e envergadura. “Aínda que os modelos nunca poden ser replicables ao 100%, son exemplos, dannos pistas. É un modelo inspirador de valor moi importante”, confirmou.

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores mantivo pola tarde unha charla con Joan Clos, guiada pola xornalista Elisa Beni, no Museo de Pontevedra sobre “Transformacións urbanas e de calidade de vida”. Fernández Lores asegurou que “é un luxo debater e profundar cara onde van as cidades cunha persoa como Joan Clos, que ten o mundo enteiro na cabeza”.

Foi o punto de partida do programa Urbtopías que esta semana aborda a temática “A cultura como motor das cidades”.