Posta a disposición dos veciños de Cerponzóns o terceiro núcleo de centralidade parroquial

63
    • O alcalde mantivo esta tarde un encontro con veciños da parroquia que visitaron a actuación valorada en máis de 160.000 euros.
    • Unha nova praza une os dous locais sociais de Pidre (antigas escolas de A Meán), onde tamén se mellorou o parque infantil, os accesos, a iluminación…

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores acompañado dos concelleiros Pilar Comesaña e Demetrio Gómez, responsables da parroquia de Cerponzóns e do Rural, respectivamente, visitaron esta tarde o recente rematado núcleo de centralidade parroquial de Cerponzóns, no lugar de Pidre. Alí mantiveron un encontro con veciños nun acto que serviu para pór en servizo o terceiro núcleo de centralidade parroquial que o Concello realiza no rural. O primeiro foi o de Cabaleiro, na parroquia de Campañó, e o segundo en, Salcedo.

A obra da centralidade de Cerponzóns tivo un custe de 161.424,74 euros, e consistiu na unión dos dous locais sociais (antigas escolas unitarias de A Meán) a través dunha nova praza en igual cota, eliminando barreiras e garantindo un espazo peonil de conexión de ambos edificios. A praza está protexida cara a vía que a circunda cunha varanda a modo de miradoiro cara o resto da parroquia.

A praza leva unha nova e singular iluminación xa que é o espazo do concello no que se proban uns novos farois que dispoñen dunha pantalla co que se pretende recrear un salón.

Na traseira dos edificios mellorouse a zona infantil, integrando o parque que se completou con máis elementos e herba sintética. Asfaltouse a vía perimetral ás edificacións, canalizáronse a augas pluviais, e modificouse a circulación que pasa a ser de sentido único. Tamén se instalou sinalización horizontal e vertical e medidas de calmado de tráfico.

A actuación completouse coa colocación de mobiliario (bancos e cadeiras) e a plantación de arborado.