Recta final das obras que farán accesíbel o Pavillón de Deportes

134
  • O alcalde Miguel Fernández Lores visita os traballos que estarán rematados en outubro
  • A actuación inclúe a instalación dun ascensor, baños para persoas discapacitadas e persoas ostomizadas, ramplas e espazos nas bancadas para cadeiras de rodas, etc.

 O alcalde Miguel Fernández Lores, acompañado dos concelleiros de Deportes, Anxos Riveiro e de Obras, Demetrio Gómez visitou hoxe as obras de reforma que se están facendo no Pavillón Municipal de Deportes e que unha vez concluídas van a resolver a accesibilidade universal da instalación deportiva máis empregada do Concello, pero mantendo o deseño de Alejandro de la Sota. Na visita estivo acompañado por responsables da empresa encargada da obra – Ediserpo- e as arquitectas autoras do proxecto.

Os traballos van moi avanzados, constatou o alcalde quen define a actuación como “moi necesaria” xa que vai a garantir “a accesibilidae total non só para a xente que ven a ver os partidos, se no tamén para os clubs, as oficinas e para acceder ao palco”.

As obras estarán rematadas en outubro porén no impiden o desenvolvemento da actividade deportiva nin van a alterar o calendario dos partidos de competición oficial.

Coa reforma en marcha darase acceso a todas as persoas ao pavillón: créanse aseos adaptados para persoas con mobilidade reducida e para persoas ostomizadas no soto; instálase un ascensor; e todos os novos elementos móntanse nunha única peza que se diferencia do resto do edificio polo seu aspecto, dado que será unha caixa de de vidro.

No soto crearanse aseos adaptados para baleirado de bolsas intestinais. Na planta baixa accederase ao ascensor e tamén se instalará un aseo adaptado.

Na entreplanta é onde se fai a intervención máis importante. Alónganse as escaleiras de acceso ás oficinas. O ascensor sae no antepalco que cambia o chanzo por unha rampla.

No palco hai unha segunda fila de bancos que se poden retirar para usarse con cadeira de rodas e, na primeira fila, tamén retírase un dos asentos para que poida entrar unha cadeira de rodas. Substitúese a varanda frontal por outra de vidro para mellorar a visibilidade e créase un novo aseo adaptado. Tamén se mellora o antepalco que serve de sala de agarda das oficinas do servizo de deportes do Concello.

Na planta alta chega o ascensor, alónganse as escaleiras dos palcos e cámbianse das varandas por outras de malla metálica. Péchanse por detrás as bancadas do palco con mamparas corrugábeis. Créase un antepalco con paredes de vidro.

A resolución da accesibilidade universal é a terceira intervención feita no Pavillón de Deportes após do cambio do campo de xogo e a substitución da cuberta, un traballo que permitiu recuperar o deseño orixinal de De la Sota.

Proxecto da Accesibilidade do Pavillón