O Multisport de Odense xa ule a Pontevedra

3

    • Desprégase unha campaña publicitaria concebida para persuadir de que acudan a Pontevedra2019 ao maior número de atletas posible

A campaña de promoción do Multisport World de tríatlon do ano próximo está xa en marcha no centro do campo de operacións da edición deste ano, na cidade danesa de Odense. O Kign’s Garden da capital de Fionia é un fervedoiro de atletas chegados de todo o mundo que comezaban hoxe este campionato pola especialidade do duatlón.

Alí quedou instalado un photocall da cita pontevedresa no que se reparten folletos informativos e chapas coa mascota do evento (un colorista neto virtual de Ravachol) e se ofrece toda a información sobre este pentamundial que terá lugar entre o 27 de abril e o 5 de maio con epicentro no río Lérez.

A campaña, baixo o eslogan “2019. See you in Pontevedra” ten por obxectivo informar aos numerosos atletas internacionais que acoden a Fionia das propostas que lles agardan en Galiza: unha gran gastronomía, eventos festivos diarios, un país cheo de arte e patrimonio, un intenso ambiente deportivo e unha cidade que vive o triatlón como poucas. Todas estas argumentacións baixo o padriñado do pentacampeón do mundo Javier Gómez Noya, que apoia coa súa prezada imaxe o campionato pontevedrés.

O dispositivo publicitario pontevedrés está á entrada da Vila do Atleta, un recinto de carpas onde todos os participantes teñen que acreditarse para as distintas probas e as distintas casas comerciais expoñen os seus produtos especializados. Moi perto, unha pantalla xigante publicitaria emitirá de cando en vez o spot do Multisport de Pontevedra.

A organización local de Odense ofreceu a Pontevedra todas as facilidades, e con eles se está a perfilar o acto de presentación da proba que se celebrará o venres próximo coa presenza de Javier Gómez Noya, o alcalde, a presidenta da Deputación, a secretaria xeral para o Deporte da Xunta e as cabezas deportivas deste deporte, lideradas por Marisol Casado, presidenta da ITU.

Onte celebrouse o acto de apertura, que consistiu nun desfile de todas as delegacións participantes con cadansúa bandeira, os discursos oficiais e unha serie de actuacións musicais de grupos locais de distintos estilos, á que acodiron numerosos cidadáns provistos de mantas de campo para gozar da música sentados no chan, como é costume aquí.