Lores constata co novo reitor a excelente relación Concello-Universidade

28

‣ O alcalde recibe a Reigosa Roger no Concello no marco dunha visita protocolaria de presentación

Foi o seu primeiro contacto e serviu para constatar a boa relación que hai entre as dúas partes e a vontade compartida de profundar aínda máis nesta liña, convencidos de que a cidade e a universidade teñen que ir da man. O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Joaquín Reigosa foi recibido hoxe polo alcalde Miguel Fernández Lores no Concello no marco dunha visita protocolaria de presentación, un encontro no que tamén estiveron presentes o vicerreitor do campus da Xunqueira, Jorge Soto e a concelleira de Educación, Carme Fouces.

Deste primeiro encontro o alcalde destacou que “chegamos ao acordo de estar en contacto permanente e de buscar sinerxías entre o campus e a cidade”. “Todas as iniciativas que partan da universidade mirarémolas con cariño e eles mirarán con cariño as propostas que formulemos” engadiu Fernández Lores.

Este é o rumbo que guiará ao novo equipo de goberno da Universidade de Vigo segundo confirmou o reitor ao asegurar que “queremos manter as relacións excelentes que sempre mantivemos a universidade, non só o campus local, co Concello”. Reigosa Roger saíu satisfeito deste primeiro contacto: “atopo unha dispoñibilidade para colaborar moi ampla polo que aínda podemos mellorar en esta relación xa excelente que vai en beneficio tanto da institución universitaria como da cidadanía”.

O de Pontevedra é un campus pequeno, especializado, con futuro e que encaixa co modelo de cidade concordan en sinalar o alcalde e o reitor. Haberá novas e frutíferas colaboracións apunta o novo reitor que ao fronte dun novo equipo está aterrando nas súas novas responsabilidades.