Volven a saír a concesión os quioscos da praia fluvial e de Barcelos

48

A Xunta de Goberno Local volveu a aprobar esta mañá o expediente para sacar, por segunda vez, a concesión dos quioscos da praia fluvial e da praza de Barcelos. Nun primeiro proceso de concesión, ambos quioscos quedaron desertos, pero os técnicos municipais optaron por volver a empregar a mesma fórmula ao entender que houbo peticións de particulares interesados na súa explotación.

O canon fixado para o quiosco da praia fluvial é de 1.100 euros/anos (máis ive) e para o de Barcelos de 2.400 euros/ano (máis ive).

    • O quiosco da Avenida de Bos Aires, ao lado da praia fluvial do Río Lérez. Nesta instalación inclúense os baños que forman parte del.
    • O quiosco da Praza de Barcelos. No espazo que se cede deben realizarse as obras de acondicionamento necesarias para que se poida destinar a quiosco. Consta de dous locais, un deles ten que destinarse a quiosco e o outro a almacén ou usos similares.

Os licitadores poderán formular oferta por unha das instalacións ou polas dúas.

A superficie dos locais son:

  • Praza de Barcelos: son dous locais, cunha superficie cada un deles de 7,76 m2. Un dos locais debe destinarse a almacén ou usos similares. Considerase que as obras mínimas que debe realizar o adxudicatario son as de restituír a instalación ao seu estado orixinal; é dicir, eliminación dos paneis de tapiado colocados para evitar o acceso ao interior dun dos locais, arranxos ou cambios das carpinterías de aluminio de peche perimetral, reposicións de acristalamento, pintura, revisión e adaptación á normativa vixente da instalación eléctrica, restitución da iluminación, colocación de rampla de acceso ao interior dos quioscos e revisión da impermeabilidade da cuberta. O mobiliario necesario para prestar o servizo será a conta do concesionario.
  • O quiosco da avenida de Bos Aires é un contedor de 24 m2. A superficie destinada a quiosco propiamente dita é de 5,45 m2, o resto do contedor dispón de aseos para persoas con mobilidade reducida, un aseo para cada sexo e unha enfermería, estás últimas ao servizo dos usuarios da praia.

O prazo de duración das concesións será o seguinte:

    • Na Praza de Barcelos será de 5 anos a contar desde a sinatura do documento de formalización da concesión. Poderase acordar prórrogas por períodos dun ano, ata o máximo de 10 anos máis. Ese prazo máximo de 10 anos de prórrogas terá un carácter improrrogable.
    • En relación ao quiosco da Avenida de Bos Aires, a duración da concesión axustarase o fixado na Praza de Barcelos. O período de duración da concesión dentro de cada ano será desde o 1 de xuño ata o 30 de setembro, así como todos os domingos, festivos e sábados dos seguintes períodos: desde o 1 de xaneiro ata o 10 de xaneiro, desde o 1 de abril ata o 31 de maio e desde o día 15 de decembro ata o día 31 de decembro.

Unha vez que saia publicado do DOG e no BOPPO, os interesados terán 31 días hábiles para presentar as súas ofertas.