Comeza a mellora paisaxística da praza de Galicia

105
    • Neste mes plantaranse distintas especies con flor para dar máis vistosidade e colorido á praza durante todo o ano, mellorarase o rego e os paseos de xabre.
    • A intervención, que se estenderá ás rotondas de Augusto García Sánchez e da praza da Liberdade, ten un custe de case 52.000 euros.

O departamento de Parques e Xardíns comezou onte a renovación paisaxística da praza de Galicia cun proxecto no que está previsto actuar en todos os espazos verdes, no rego das distintas especies e tamén nos paseos. A empresa Ferroser é a encargada de executar a obra valorada en 51.802,39 euros nun prazo dun mes, aínda que esta previsión poderá variar en función do tempo.

Os traballos comezaron pola mellora do axardinamento da praza, onde se respectarán os macizos de hortensias, e se completarán coa colocación de novas especies de herbáceas, arbustos e bulbosas como acanthus mollis, daphne odora aureomarginata, sarcococca hookeriana, bergenia herbstblute, liriope muscari, helleborus, iris e narcisus barret browining. O propósito é darlle maior vistosidade e colorido á praza.

Unha vez rematada coa plantación, que se estima que será a finais da vindeira semana, comezarán os traballos para mellorar o rego para estas novas plantacións e ás anteriores, e procederase a rexenerar o céspede dos parterres.

A última parte do proxecto será a intervención no pavimento terrizo da praza co propósito de solventar os problemas de encharcamento. Está previsto levantar os paseos centrais da zona axardinada e renovalos co fin de darlle solución aos charcos e acumulacións de auga. Na actualidade estase a solventar o problema con novas achegas de xabre, pero o firme xa non drena o suficiente.

Coa renovación da praza de Galicia, tamén se actuará nas rotondas da avenida de Augusto García Sánchez e da praza da Liberdade, onde se retirará a vexetación existente e se instalará un novo axardinamento, previa preparación do terreo.

Empregaranse plantas resistentes e perennes con múltiples floracións anuais. Tamén se mellorará o sistema de rego, que será por goteo na praza da Liberdade.

Esta actuación forma parte do acordo acadado coa Asociación de veciños Campolongo e coa Federación de veciños Castelao, para a aprobación do orzamento municipal.