O salón 2018 ‘Mulleres de conto’ pecha as súas portas coa mirada posta na vindeira edición

11
  • Máis de 30.000 persoas, entre as que destacan os novos públicos profesionais e adolescentes, pasaron polo Salón nestes 23 días.
  • A participación dos centros escolares chegou aos 60 colaboradores, dos cales 14 pertencían a ensino secundario e os restantes a infantil e primaria.
  • Nas próximas semanas, a organización dará a coñecer as datas de celebración do que será o XX Salón.

Logo de máis de 3 semanas de intensa actividade, a edición máis internacional do Salón pechou hoxe as súas portas ata o ano que ven. A XIX edición deste proxecto de dinamización e fomento da lectura, boutou a andar o venres 6 de abril co espectáculo exclusivo do Salón ‘Catrina e Dona Francisca’ e a contado ‘Contos que cruzan océanos’ , xusto ao día seguinte da inauguración da exposición de ilustración mexicana ‘Pintacuentos’ no Museo de Pontevedra.

Foron máis de 150 actividades as levadas a cabo nestes días, onde a formación para profesionais do mundo do libro e a ilustración, as familias e os adolescentes, cobraron un protagonismo especial: O I Congreso Internacional de Mediación lectora, os encontros profesionais de ilustradores, as charlas ‘A lectura é unha arma cargada de futuro’, o I Encontro de clubes de lectura e os obradoiros para mozos e mozas e a Escola de Pais e Nais, achegaron novos públicos ao longo desta edición.

Nun lugar destacado salientamos a a presenza de México, grazas a unha delegación de 12 profesionais entre os que se atopaban ilustradorxs, mediadoras, contadoras, autoras e ate un chef, que impartiron preto de 60 actividades de diferente natureza durante a súa estadía na nosa cidade. As súas achegas foron máis alá ao cedernos mostras como ‘Pintacuentos. Ilustración mexicana contemporánea para nenos’ instalada no Museo ata o 27 de maio, ’68 voces’, ‘Keren´ta Merced. Cultura en resistencia’ ou ‘Invitemos a ler’ na Biblioteca Pública.

Para a organización do Salón, achegar aos diferentes públicos ao mundo do libro e a lectura pasa por contar con figuras da literatura – especialmente a galega – que transmitan directamente o seu saber: Rosa Aneiros, Anair Rodríguez, Ledicia Costas, Tamara Andrés, Anxo Fariña, Fran Alonso, María Reimóndez, Antonio García Teijeiro, Luz Beloso, Mercedes Queixas, Víctor Rivas, Kiko da Silva, Mafalda Milhoes e xs mexicanas Amanda Mijangos, Cecilia Rébora, Valeria Gallo, Gabriel Pacheco, Martha Riva, María García Esperón, María Guiexhooba, Monique etc. que participaron activamente na nosa programación.

Non faltaron os contacontos, os obradoiros, os espectáculos – teatrais e musicais e destinados a bebés – entre os que se atoparon varias estreas como ‘Mar adiante’ de Odaiko e Fantoches Baj, ‘Moraima’ de Marcelo Dobode para peques de 0 a 3, ou o contacontos ‘Ruta propia’ de Raquel Queizás. Tamén e como novidade, o Salón espallouse pola cidade, realizando diferentes actividades como presentacións de libros como o de Monique Zepeda en Seijas, Gabriel Pacheco en Cronopios e ‘Poesía en Paz’, etc ou o contacontos de Rocío Kuri na Taberna do Jazz. Tamén contamos coa implicación de diferentes locais de hostelaría que durante o Salón, ofertaron petiscos mexicanos dentro da súa carta.

Dentro do Salón, e cunha valoración moi positiva por parte dos libreiros, instaláronse librarías efémeras nas que, ademáis de obras da nosa LIX, foi posible mercar libros achegados polo CANIEM (Cámara Internacional da industria editorial mexicana), que cedeu tamén un fondo para a nosa biblioteca.

A concelleira de Cultura e Educación, Carme Fouces, avaliuo moi positivamente a mirada feminina deste Salón e destacou que “a repercusión a nivel Galicia e internacional – que comezou ao convocarse o I Premio de Ilustración do Salón e continuou coa presenza da delegación mexicana e o I Congreso internacional – consolida a Pontevedra como capital da literatura infantil e xuvenil.