O Concello aproba os trámites para licitar o novo contrato do lixo

39

    • Abordarase a recollida do lixo, limpeza viaria, de colexios e dependencias municipais, desratización e desinfección, que deberá adxudicarse por lotes.
    • Tamén incluirá toda a implantación da compostaxe no concello: comunitaria, individual e planta de tratamento.

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a contratación dunha asistencia técnica para facer unha análise, redacción de pregos técnicos e administrativos e valoración do servizo de recollida de lixo e derivados. A empresa adxudicataria foi Lagares Oca por 66.550 euros.

Neste estudo incorporaranse os seguintes conceptos:

    • Recollida de residuos sólidos urbanos
    • Limpeza viaria
    • Limpeza de colexios
    • Limpeza de dependencias municipais
    • Desratización e desinfección.

O portavoz municipal e responsable do servizo de Contratación, Raimundo González explicou esta mañá que se trata dun contrato “complexo”, dado que a nova lexislación de contratos públicos obriga a que fagan varios contratos, é dicir, que saia a licitación por lotes e non nun único contrato.

Adiantou que debido a distintas disfuncións administrativas que existen neste momento na limpeza das dependencias municipais -con até tres contratos menores distintos-, o primeiro dos lotes que sairá a licitación será precisamente este, de tal modo que os pregos poidan estar redactados no prazo de dous ou tres meses.

Paralelamente, a Unión Europea acaba de corrixir a súa directiva de 2008 sobre o tratamento de residuos de tal xeito que no ano 2023 os concellos deberán ter un tratamento específico dos biorresiduos.

Neste sentido, o contrato que hoxe se aprobou deberá abordar toda a implantación da compostaxe: individual, a comunitaria e a planta de tratamento, e “con este estudo acelerarase o proceso de compostaxe no concello”.

A participación da empresa farase en dúas fases: a primeira de seis meses para facer a análise, estudos, pregos… e se suspenderá co proceso de licitación. Retomarase catro meses máis para colaborar co Concello no estudo das ofertas presentadas.