Lores aposta por darlle visibilidade a Restauración, un centro único en Galiza

45
  • Concello e Escola analizarán a posibilidade de establecer un convenio marco de colaboración para que o alumnado poida pór en práctica a súa formación

O alcalde Miguel Fernández Lores, xunto co concelleiro de Patrimonio Histórico, Luís Bará, visitou hoxe a Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia e percorreu os distintos talleres do centro acompañado pola directora Carmen Lorenzo e a vicedirectora Andrea Fernández. No seu percorrido tivo oportunidade de falar con distintos profesores e estudantes que explicaron polo miúdo o que están a facer. O alumnado pode escoller entre tres especialidades: pintura, escultura e arqueoloxía.

Lores devolvía a visita de presentación que fixera Carmen Lorenzo ao Concello.

Visibilizar a Escola de Restauración, que comparte edificio coa Facultade de Belas Artes, e dala a coñecer máis alá de Pontevedra son obxectivos compartidos polo equipo directivo e o alcalde e a prol dos que traballarán da man. Falamos dun centro, único en Galiza, de recoñecido prestixio no conxunto do Estado, cun título superior equivalente a todos os efectos ao grao universitario.

Tamén falaron da posibilidade de artellar un convenio marco de colaboración para que o alumnado poida pór en práctica a súa formación, ben no eido da asesoría científica ben no da restauración ou conservación do patrimonio local. Unhas colaboracións que sempre estarían titoradas e que servirían tamén para abrirlle as portas ao mundo laboral.