O Concello arranca o ano María Victoria Moreno cun roteiro sobre a súa persoa

149
    • Foi proxectado por Ana Acuña e Fina Casalderrey e partirá o venres, ás 19.30 horas, dende a ponte da avenida de Vigo.
    • O Concello tamén asiste mañá ao acto académico que se celebra no Torrente Ballester.
    • Traballa na próxima impresión dun manuscrito inédito da escritora e na elaboración dun audiovisual sobre a súa vida e obra.

O Concello de Pontevedra, a través da Concellaría de Normalización Lingüística, está a programar o ano María Victoria Moreno, ao ser a homenaxeada no Días das Letras Galegas neste 2018. O propósito destes actos, que se irán desvelando e celebrando ao longo do ano, é vincular a imaxe da escritora á cidade, desvelar a importancia que tivo a lingua na súa vida, e amosar o sentimento de María Victoria Moreno como galega.

O concelleiro Alberto Oubiña abriu a man esta mañá ás entidades ou empresas que queiran realizar algún acto en homenaxe á escritora, a que se acheguen ao Concello para colaborar con eles.

O Concello, ademais de participar e colaborar na organización do acto académico que se celebrará mañá no Instituto Torrente Ballester, traballa na impresión dun manuscrito inédito da escritora que está sendo tratado e ultimado polos profesores e alumnos do Torrente.

Camiñada con María Victoria Moreno

Tamén está previsto este venres, ás 19.30 horas, a estrea dunha nova camiñada da Concellaría de Normalización Lingüística. Será a Camiñada con María Victoria Moreno que se vén a sumar ás que xa realizada o departamento con outros autores como Castelao, Sarmiento ou Pintos.

Neste caso, o punto de partida será a Ponte da avenida de Vigo, para facer un percorrido por aqueles lugares que soía frecuentar a escritora e profesora do Torrente, amosando a súa pegada na cidade. O roteiro foi deseñado pola profesora universitaria Ana Acuña, e pola escritora pontevedresa Fina Casalderrey.

A diferencia do resto de roteiros de Normalización Lingüística que son pechados a un grupo de persoas que previamente o solicitan, nesta ocasión farase aberto a todos aqueles que o queiran facer. Por unha cuestión de organización, solicítase ás persoas que queiran asistir que previamente o comuniquen no correo electrónico normalizacionlinguistica@pontevedra.eu ou ben no teléfono 986 804300 ext 7107

Audiovisual

Paralelamente, a Concellaría traballa nun documental sobre a figura de María Victoria Moreno no que se recollen fragmentos de entrevistas súas ou a participación de persoas da súa familia, Alonso Montero, Seijas, Manuel Bragado… que amosan a personalidade de María Victoria e a súa obra.

Este documental, que se fai votando man de empresas incluídas dentro da rede do Puntazo, proxectarase no Teatro Principal, o vindeiro xoves, 26 de abril, ás 20.30 horas.