Aprobada a contratación da renovación das Piscinas de Campolongo

141
    • Tamén se aprobou a compra de centros de compostaxe comunitaria, a prórroga do Plan de Igualdade, os cadros eléctricos para as festas, ou unha asistencia técnica para a tramitación dos fondos FEDER

O Concello de Pontevedra aprobou diversos contratos ou expedientes de contratación nunha Xunta de Goberno extraordinaria.

    1. Montaxe das liñas e cadros eléctricos das atraccións das festas de Santiaguiño e da Peregrina deste ano. Por valor de 123.892,65 euros.
    2. Asistencia técnica para o seguimento da tramitación dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER), co obxecto de comprobar toda a documentación, facer seguimento dos proxectos… Por valor de 103.305 euros por dous anos máis unha posible prórroga de seis meses.
    3. Acordo marco para a compra de novos centros de compostaxe comunitaria tanto no ámbito urbano como no rural. Son instalacións a demanda en distintos puntos do concello. Por valor de 178.137 euros.
    4. Asistencia técnica para a actualización e mellora dos servidores municipais, para a infraestrutura virtual do concello por valor de 60.500 euros.
    5. Aprobación da prórroga do Plan de Igualdade para o presente ano por 36.257 euros. A empresa que o desenvolve é Atlántic Ponte 2000 SLU.
    6. Aprobación do expediente de contratación das Piscinas de Campolongo. Até o de agora tramitouse a aprobación do anteproxecto de obra, o Plan de viabilidade, a Estrutura de costes, e redactáronse os pregos técnicos e os administrativos, e onte aprobouse a contratación.

Hoxe mesmo aparece o anuncio no Boletín Oficial de Pontevedra.

As Piscinas de Campolongo remóntanse a 1994. Fíxose a primeira concesión até 1997, a segunda até o ano 2000 e a terceira até a actualidade. As instalacións están chegando até o esgotamento da súa vida útil, por iso a intervención pretende adecuar o interior á normativa actual; mellorar a eficiencia enerxética; e redimensionar a instalación asumindo un cambio profundo. “Unha revolución nas instalacións de Campolongo” en palabras dos concelleiros Demetrio Gómez e Raimundo González cun investimento de máis de 3,5 millóns de euros.

Faranse instalacións novas e outras reformaranse. Renovaranse todos os equipamentos como os vestiarios. Fíxose un prego que permite introducir melloras tanto no proxecto como nas prestacións, polo que ademais de valorar o propio proxecto de explotación, tamén se valorará o persoal.

O Concello achegará até un millón de euros, e o canon é cero.

Raimundo González indicou esta mañá que existe un prazo de 26 días hábiles ou 45 naturais dende que se saia publicado no Boletín das Comunidades Europeas.

O Goberno traballa co calendario de ter adxudicado o contrato no mes de xuño.