Os mundiais de triatlón 2019, bandeira da Pontevedra-destino de turismo deportivo

53
  • O World Multisport Pontevedra 2019 preséntase o xoves 18 en Fitur
  • Será o arranque dos actos promocionais dos cinco campionatos do mundo de tríatlon que acollerá a cidade o vindeiro ano

Pontevedra avanza nos preparativos e promoción do ITU Multisport Festival de Tríatlon 2019, o evento que reunirá na capital do Lérez os campionatos do mundo de tríatlon cross, dúatlon, áquatlon, tríatlon de longa distancia e aquabike, e que porá o foco sobre a cidade. Neste camiño, unha delegación pontevedresa, co alcalde Miguel Fernández Lores ao fronte, presentará o evento en Fitur (Feria Internacional de Turismo) o próximo xoves, 19 de xaneiro, ás 13.00 horas (no Pavillón de Galiza -Pavillón 9, parcelas 9C07-9C09, acceso pola porta norte).

“Imos a estar presentes cunha proposta específica: posicionar a Pontevedra como destino de turismo deportivo”, subliñou hoxe o alcalde, que lembra que no ITU Multisport compite a elite, os junior, as persoas con discapacidade e grupos de idade. “Son estes -destaca o alcalde- os que suman máis participantes, son xente dunha idade con certo poder adquisitivo, que cando vai a un campionato non fai o desprazamento por un día ou dous, senón cinco, seis días, unha semana…”.

O alcalde estará acompañado dos responsables español e galego de deportes, José Manuel Lete e Marta Míguez, da presidenta da ITU, Marisol Casado, da presidenta da Deputación, Carmela Silva e da responsable de turismo da Xunta, Nava Castro. Tamén está confirmada a asistencia de varios triatletas, e dos representantes das federacións española e galega.

A presentación servirá para publicar a páxina web do campionato, algún material promocional, e para dar a coñecer as datas concretas de celebración dos 5 mundiais.

A presenza de Pontevedra en Fitur vai máis alá do acto promocional, pois servirá, tamén, para que técnicos do Servizo municipal de Deportes e de Comunicación manteñan distintas reunións de traballo con responsables da ITU, da Federación Española de Tríatlon e distintas empresas patrocinadoras do evento.

É coñecido que Pontevedra é escenario habitual dalgunhas probas deportivas internacionais, especialmente en deportes como tríatlon, piragüismo, loita, taekwondo, natación…, ademais de numerosos campionatos de España como o de tríatlon longa distancia, que se celebrará o vindeiro 25 de agosto e servirá para que os deportistas poidan probar o percorrido da proba mundial do 19.

O primeiro Multisport tivo lugar o pasado ano na cidade canadense de Penticton; o actual será na cidade danesa de Fyn a primeiros do mes de xullo, e o próximo en Pontevedra.