Un novo convenio entre Concello e Deputación permitirá mellorar a seguranza viaria no colexio de Vilaverde

42

    • O alcalde e a presidenta da Deputación asinaron un último convenio o pasado xoves por valor de 600.000 euros nos que se inclúe, tamén, a rehabilitación integral da subida ao Castelo, en Lérez e da subida ao Xistro en Salcedo.
    • Tamén se asinaron as addendas dos convenios de saneamento do Gafos e Mourente, e dos campos de fútbol de Cerponzons e Santa María de Xeve.

O Concello de Pontevedra e a Deputación provincial pecharon o ano asinando novos acordos económicos para a mellora das infraestruturas municipais. A presidenta da institución provincial, Carmela Silva e o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores asinaron un convenio por valor de 600.000 euros que permitirá mellorar dúas antigas estradas provinciais nas parroquias de Salcedo e Lérez, e tamén executar o esperado proxecto de seguranza viaria no colexio de Vilaverde, en Mourente. Estes proxectos poderán executarse ao longo do ano 2018.

Ao mesmo tempo, asinaron sendas addendas aos convenios de 2017 de saneamento e infraestruturas deportivas, ampliando o prazo de xustificación dos fondos até o 31 de decembro de 2018.

Un novo convenio

O novo convenio ten un investimento de 600.000 euros e supón a rehabilitación integral do firme coa instalación das canalizacións de augas pluviais e sinalización de dúas antigas estradas provinciais: a subida ao Castelo na parroquia de Lérez, e a subida ao Xistro, na parroquia de Salcedo. Esta última xa está executada nun 50%, e queda un último tramo por facer que suporá un investimento duns 200.000 euros.

O terceiro dos proxectos que se inclúe neste novo convenio é a mellora da seguranza viaria no ámbito do colexio de Vilaverde, en Mourente. É un investimento moi agardado pola comunidade escolar do centro xa que existe unha convivencia de tráfico de vehículos e peóns (principalmente escolares) que hai que solucionar.

O proxecto consistirá, basicamente, en plataforma única e medidas de calmado de tráfico, cun espazo específico destinado para o transporte escolar. O Concello está ultimando esta actuación (polo que aínda se descoñece o custe final), e unha vez que estea rematado o concelleiro delegado da parroquia, Alberto Oubiña presentarao ao Consello escolar para coñecer a súa opinión. O Concello traballa coa idea de que o proxecto se poida executar ao longo deste curso, de tal xeito que estea rematado a primeiros do vindeiro curso escolar.

Addendas

Ademais deste novo convenio, Carmela Silva e Miguel Fernández Lores asinaron dúas addendas dos convenios que ambas as dúas institucións teñen en vigor: o dos saneamentos e o das infraestruturas deportivas, ambos rubricados en 2017.

Ao respecto das infraestruturas deportivas, o convenio ten un importe de 1.999.372 euros destinados para a construción de dous campos de fútbol no rural: o de Chan do Monte na parroquia de Cerponzóns, e o de Gatomorto, na parroquia de Santa María de Xeve. Neste convenio o Concello financia o 20% e redacta os proxectos, e a Deputación achega o 80% do financiamento.

Cerponzóns

O Concello executa dende hai unhas semanas o campo de fútbol de Cerponzóns que foi adxudicado á empresa Prace por 864.972,38 euros.

Trátase dun campo de fútbol de herba sintética de 1.050,63 metros, é dicir, permitirá a creación dun campo de fútbol 11 e dous campos de fútbol 7. Crearase con materiais recomendados pola FIFA para poder seren utilizados en competicións oficiais.

O complexo disporá de dous edificios: un será o dos vestiarios, xa que está previsto derrubar as actuais instalacións. Este terá 392 metros cadrados con catro vestiarios para xogadores, dous para árbitros, enfermería e almacén para aparellos de fútbol, limpeza e outros elementos. Tamén disporá dunha sala de instalacións.

Construirase un segundo edificio -máis pequeno- que substituirá á cantina que tamén se derrubará. Terá aseos e novos accesos.

Santa María de Xeve

O campo de fútbol de Gatomorto, na parroquia de Santa María, foi adxudicado á empresa COVSA por 859.953,23 euros. Esta obra está pendente de iniciarse, logo da parada da construción polo período vacacional.

O terreo de xogo de Gatomorto será de 105×63 metros, unhas dimensións que permitirá ter un campo de fútbol 11 e dous de fútbol 7. Está previsto que teña catro vestiarios de xogadores e dous vestiarios para árbitros. Botiquín, enfermería e almacén. Segréganse as entradas de público e xogadores ao campo.

O campo cumprirá todos os requisitos esixidos pola FIFA para que poida ser un campo de competición oficial.

Saneamentos

O segundo convenio prorrogado foi o dos saneamentos do río Gafos e de Mourente (estrada xeral N-541). Neste convenio, Concello e Deputación asumen financiar o 50% das obras e ten un importe de 2.114.157 euros.

É coñecido que o saneamento do río Gafos está a executarse na súa parte urbana (a rural está totalmente rematada) que obrigou a pechar o paseo urbano dende a avenida da Estación até a avenida de Vigo durante un mes. Foi adxudicado á UTE Construtora Ediserpo S.L. e Ogminos Proyectos S.L. por 831.116,30 euros.

O saneamento do Gafos permitirá recoller as augas sucias do Polígono da Reigosa, Vilaboa, e das parroquias de Marcón, Tomeza e parte de Salcedo para que vaian á depuradora sen filtracións de auga.

A obra consiste en incrementar a capacidade do colector que recolle as augas fecais dende Vilaboa e do polígono industrial da Reigosa, acadar a estanquidade dos pozos para evitar que entre a auga do río e, na medida do posíbel, retirar o colector do propio leito do Gafos pasándoo ás marxes do río pola senda.

Saneamento de Mourente

Neste segundo convenio tamén se incluía o saneamento de Mourente, na estrada de Ourense N-541. Esta obra está totalmente rematada e foi adxudicado á empresa CivisGlobal por case un millón de euros.

Dá servizo a 160 vivendas dos lugares de O Pazo, Carabelos, Eirós na parroquia de Mourente, e Leirados en Bora. Instaláronse arredor de 5.000 metros lineais de tubaxes, á que se sumou unha rede de recollida de augas pluviais de 852 metros lineais, tamén na estrada de Ourense.

Nesta licitación incluíronse como melloras a instalación da rede de abastecemento neste ámbito e completar o saneamento até o núcleo de Leirados, na parroquia de Bora.

Futuros convenios en 2018

O alcalde lembrou, logo da sinatura, que “esta colaboración entra no marco global de convenios que temos entre o Concello e a Deputación” que se irá completando ao longo de 2018 con outros proxectos como o de Mollavao, o acceso a Monte Porreiro ou o Pavillón da Parda “porque nos fai moita falta se queremos apostar polos deportes de pavillón xa que non temos unha instalación que nos permita facer ximnasia, taekwondo, tenis de mesa, loita olímpia…”.

Pola súa banda, a presidenta da Deputación, Carmela Silva explicou que Concello e Deputación asinaron inicialmente “un protocolo no que se plantexaba que a Deputación ía respectar a autonomía local, e o Concello propoñía as actuacións que tiña que financiar ou cofinanciar, a participación en proxectos de equipamentos deportivos, de saneamento, de abastecemento en viais municipais, e tamén proxectos de carácter medioambiental”.

Asegurou estar “satisfeita porque a Deputación poida traballar co Concello para desenvolver equipamentos, infraestruturas, dotacións que o Concello considere que son importantes para seguir prestando servizos aos seus veciños e veciñas”.