Domingos do Principal regresa o 21 de xaneiro

150

  • Galiza, Catalunya, Salamanca, Canarias e Francia son as procedencias das compañías que achegarán diferentes temáticas e xéneros aos máis novos/as
  • As entradas e abonos están xa á venda a un prezo de 4€ e 21€ respectivamente na propia web do Pazo, Facebook e Ticketea.

A concelleira de Cultura, Carme Fouces, presentou esta mañá acompañada por Xacobe Rodríguez de Teatro Akatro, a edición número 19 dos Domingos do Principal: “Coido que é un dos ciclos máis veteranos alomenos deste lado da península. Son 19 anos de éxitos nos que nos visitaron as mellores compañías de teatro, danza, etc do estado e do extranxeiro, como este ano que nos visita Claire Ducreux dende Francia.  É un ciclo que adoita esgotar as súas entradas pesa a ter a osadía hai anos de establecer a dobre sesión en quenda de mañá ás 12:00 e de tarde ás 18:30 horas. Unha aposta que non todo o mundo está disposto a facer”

Sobre os prezos, asequibles e populares – 4€ a entrada individual e 21€ o abono  a Concelleira comentou que están xa á venda na web do Pazo, Facebook e Ticketea e que agarda que “cara o 15 de xaneiro estea xa montada a caixa central na Casa da Luz como despacho físico de billetes onde haberá tamén unha carteleira con todas as entradas que se atopan á venda do Pazo e o Principal”

Os abonos – de tarde ou de mañá – darán dereito a asistir aos 7 espectáculos programados entre o 21 de xaneiro e o 11 de marzo, recomendados a partir de 3 anos.

A concelleira resaltou que “son una  proposta ideal como agasallo de Nadal para pequenos/as e grandes que ademais van a gozar máis alá destas datas.

Tamén se programarán 3  pases concertados con centros escolares os luns 29 de xaneiro, 19 de febreiro e 12 de marzo.

Xacobe Rodriguez de Teatro Akatro – organizador e programador deste ciclo- debullou as 7 pezas escollidas “entre as que intentamos abarcar todos os ámbitos escénicos: danza, teatro de actor, clown, músical, xestual, etc” . Marcel Gross, encargado de abrir o ciclo o 21 de xaneiro con ‘Universario’ “xa estivo nos Domingos noutras dúas ocasións e ambas foi o espectáculo mellor valorado do mesmo tanto por menores como maiores de 13 anos”. Outra peculiaridade é a peza francesa ‘Refugie Poetique’ de Claire Ducreux que, cunha duración de 30 minutos presenta un “espectáculo de danza intimista cunha elegancia e sutileza que chega moi ben aos rapaces”.  Pola súa banda o espectáculo ‘Me llamo Suleiman’ de Unahoramenos (Canarias) “narra a historia dunh neno dende que sae de África ata que chega a patera. Está recomendando a partir de 12 anos e executado por unha soa actriz con bonecos e proxeccións audiovisuais. É un espectáculo moi premiado que amosa unha parte da historia que normalmente no é visible”.

Antes de pechar a Concelleira afirmou sobre este ciclo e a programación en xeral que “temos un compromiso claro coa cultura e conseguimos que o público de Pontevedra sexa un público que vén formado e estea acostumado a ver espectáculos dende novo, aprecialos e ser crítico, xa que Domingos conta cun cuestionario que ao remate de cada función os propios nenos – e tamén os adultos- cubren”.

Universario  Por Marcel Gross (Catalunya) 

Nun pequeno universo de letras vogais que se transforman en edificios e paisaxes, Marcel brinca coas palabras e os obxectos e transforma a realidade a base de risa e imaxinación. 

Un presentador impresentábel, un mimo falante, un concertista desconcertante, un ilusionista desilusionado, un oriental desorientado e un astronauta desorbitado… son algúns dos convidados, só faltas ti… Feliz “UNIVERSARIO”!!! 

Clown.  Duración: 55 minutos Recomendado a partir de 3 anos 

Domingo 28 de xaneiro • Teatro Principal • 12:00 e 18:30 h 

Rubicundo  Por Teatro dos Ghazafelhos (Galiza) 

Todas as noites, Rubicundo sae na súa bicicleta enriba da árbore do seu xardín rumbo á noite pecha. Semella que ninguén repara neste personaxe, enfundado nun gabán e chapeu de copa. Ninguén, agás Erea. Disposta a chegar até o fin daquel misterio… 

Pois así era esta rapaza… curiosa e soñadora… 

Rubicundo cóntanos unha fermosa historia sobre a amizade, a constancia e a poesía, abríndonos a posibilidade de perseguir os nosos soños sen sentir límites nin distancias… 

Teatro de actor. Duración: 50 minutos Recomendado a partir de 5 anos 

Domingo 4 de febreiro • Teatro Principal • 12:00 e 18:30 h 

Refugie Poetique  Por Claire Ducreux (Francia) 

Un vagabundo elixe un cruzamento de rúas como refuxio provisional, converte dous valados de obra nas portas do seu universo, unha ponte convértese nun barco e unha escultura no seu compañeiro de viaxe. 

Espectáculo de danza-e teatro visual. Duración: 30 minutos Recomendado a partir de 6 anos 

Domingo 18 de febreiro • Teatro Principal • 12:00 e 18:30 h 

Concerto Singular  Por Píscore (Galiza) 

Catro actores/músicos, 16 baquetas e só unha marimba. 

Un pouco complicado para dar un concerto, pero os catro músicos van intentar sacarlle partido. Equívocos, probas, solucións loucas… Até que por fin logran poñerse de acordo e sacar un son incríbel despois de moitas risas. 

Musicomedia xestual. Duración: 60 minutos Recomendado a partir de 4 anos 

Domingo 25 de febreiro • Teatro Principal • 12:00 e 18:30 h 

Me llamo Suleiman  Por Unahoramenos (Canarias) 

Isabel conta a historia de Suleiman, un adolescente que emprendeu viaxe desde a África negra e chegou ás Canarias. Un relato emocionante cunha posta en escena sorprendente, que pretende contribuír ao achegamento entre quen emigra e quen recibe ao emigrante. 

Espectáculo creado a partir do libro de Antonio Lozano do mesmo título (Ed Anaya). 

Premios Réplica 2015: Mellor interpretación feminina, Mellor escenografía, Mellor autor, Mellor dirección, Mellor espectáculo e premio especial do público. 

Duración: 70 minutos Recomendado a partir de 12 anos 

Domingo 4 de marzo • Teatro Principal • 12:00 e 18:30 h 

O Faiado Por Teatro ó cubo (Galiza) 

Vera, Roi e Anxo son tres irmáns con xeitos diferentes de ver o mundo. Despois dun acontecemento familiar que podería cambiar o curso das súas vidas, vense na necesidade de chegar a un acordo para o cal terán que confrontar o seu ideario no faiado da casa do seu avó onde medraron, xogaron e soñaron, alimentados polas moitas historias que este lles contaba na súa infancia. 

Novo circo 

Duración: 55 minutos Recomendado a partir de 5 anos 

Domingo 11 marzo • Teatro Principal • 12:00 e 18:30 h 

Mundo Lirondo  Por Spasmo Teatro (Salamanca) 

Fai as malas, apaña o teu pasaporte e a túa cámara de fotos e prepárate para a maior e máis divertida aventura da túa vida! 

Unha viaxe na que os nosos amigos percorren o mundo enteiro con todo tipo de aventuras -cada unha mais disparatada que a anterior- que nos farán rir e gozar durante toda a función. 

Premio mellor espectáculo infantil na Feira de Teatro de Castilla y León, Ciudad Rodrigo 2017 

Teatro de humor. 

Duración: 60 minutos Recomendado a partir de 6 anos