O primeiro treito do paseo urbano do Gafos estará pechado un mes polas obras do saneamento

23

    • A UTE adxudicataria do proxecto non parará os traballos durante o Nadal, agás o día 25 de decembro e Aninovo.

O paseo urbano do río Gafos permanecerá pechado un mes para uso peonil. Así o acordaron esta mañá a UTE adxudicataria das obras do novo colector de saneamento do río dos Gafos e os técnicos municipais, logo de estudar o desenvolvemento dos traballos que dende hoxe mesmo comezan ao carón da avenida da Estación, e se estenderán até Pedro Sarmiento de Gamboa.

Trátase da primeira mellora da obra proposta pola UTE Construtora Ediserpo S.L. e Ogminos Proyectos S.L. no seu proxecto de adxudicación valorado en 831.116,30 euros (a licitación era de 1.126.174,48 euros). A UTE non parará as obras durante o período vacacional, agás o día de Nadal e de Aninovo, de aí a previsión de que este primeiro tramo das melloras (o segundo vai dende a avenida de Vigo até Alcalde Hevia) se realice nun mes.

Durante este tempo, o paseo permanecerá pechado por motivos de seguridade dado que é preciso abrir gabias, instalar pozos de rexistro e tirar tubaxes ao longo do sendeiro do paseo; ademais de ter que acoller unha gran cantidade de acopios de obra. Os técnicos consideran que a convivencia desta obra co tráfico peonil non é compatible en termos de seguridade.

É coñecido que o proxecto permitirá recoller as augas sucias do Polígono da Reigosa, Vilaboa, e das parroquias de Marcón, Tomeza e parte de Salcedo para que vaian á Depuradora sen filtracións de auga.

A obra consiste en incrementar a capacidade do colector que recolle as augas fecais dende Vilaboa e do polígono industrial da Reigosa, acadar a estanquidade dos pozos para evitar que entre a auga do río e, na medida do posíbel, retirar o colector do propio leito do río dos Gafos pasándoo ás marxes do río pola senda.

Os traballos comezaron a finais do mes de xuño e xa está rematada toda a actuación na parte rural do río. Hoxe comezan na parte urbana, e a UTE aínda traballa en prazo dado que a adxudicación foi de 9 meses. A UTE confía en poder iniciar o segundo treito das melloras, cara Alcalde Hevia, a finais de xaneiro.

A obra está financiada polo Concello en colaboración coa Deputación, xa que o convenio asinado coa Xunta, finalmente, non foi executado por decisión unilateral do Goberno galego a pesar de que Augas de Galicia chegou a ter adxudicado o proxecto.