Ediserpo fará as obras de accesibilidade universal do Pavillón Municipal

41

    • Foi adxudicada por 138.000 euros e terá un prazo de execución de 4 meses dende o inicio dos traballos

A empresa Ediserpo será a encargada de executar as obras de accesibilidade do Pavillón Municipal dos Deportes por 138.337 euros, segundo aprobou esta mañá a Xunta de Goberno. O prazo de execución dos traballos é de 4 meses e o seu prezo de licitación era de 237.285 euros.

Esta foi unha das catro obras que tratou esta mañá a Xunta de Goberno Local, xunto á apertura dos expedientes de contratación da rehabilitación das estradas de Muíños e Ferreiros, na parroquia de Campañó, valorados en 75.652,67 euros e un prazo de execución de 4 meses. O inicio do expediente de eficiencia enerxética nos tres núcleos urbanos de Canicouva (Canicouva, Rañadoiro e Acevedo) por 197.669,47 euros e un prazo de execución de 15 días.

E a aprobación do expediente de contratación da reforma da rúa Cruz Vermella por 1.405.716,13 euros.

Son investimentos de máis de 1,9 millóns de euros “moi importantes para o Goberno, e que supón acabar o ano coa mesma intensidade coa que comezamos”, explicaba a viceportavoz, Anabel Gulías.

Accesibilidade no Pavillón municipal

O espírito da obra é tratar de resolver a accesibilidade universal da instalación deportiva máis empregada do Concello, pero mantendo o deseño de De la Sota. O pavillón é dunha época na que non se tiña en conta a accesibilidade, a mobilidade universal e a necesidade dunha vida independente, polo tanto hai persoas que non poden empregar esta instalación. Ao tempo, non se pode facer calquera intervención dado o carácter de edificio protexido e emblemático da cidade, de aí a obriga de conservalo tal e como o concibiu Alejandro de la Sota.

Darase acceso a todas as persoas ao pavillón: créanse aseos adaptados para persoas con mobilidade reducida e para persoas ostomizadas no soto; instálase un ascensor; e todos os novos elementos móntanse nunha única peza que se diferencia do resto do edificio polo seu aspecto, dado que será unha caixa de de vidro.

No exterior reordénase todo o espazo central de acceso: suprímese a rampla central de entrada e amplíanse as outras que adaptan a súa pendente ao 8%. Tamén aparece un novo portelo na billeteira adaptado en altura.

No soto crearanse aseos adaptados para baleirado de bolsas intestinais. Na planta baixa accederase ao ascensor e tamén se instalará un aseo adaptado.

Na entreplanta é onde se fai a intervención máis importante. Alónganse as escaleiras de acceso ás oficinas. O ascensor sae no antepalco que cambia o chanzo por unha rampla.

No palco hai unha segunda fila de bancos que se poden retirar para usarse con cadeira de rodas e, na primeira fila, tamén retírase un dos asentos para que poida entrar unha cadeira de rodas. Substitúese a varanda frontal por outra de vidro para mellorar a visibilidade e créase un novo aseo adaptado. Tamén se mellora o antepalco que serve de sala de agarda das oficinas do servizo de deportes do Concello.

Finalmente, á planta alta chega o ascensor, alónganse as escaleiras dos palcos e cámbianse das varandas por outras de malla metálica. Péchanse por detrás as bancadas do palco con mamparas corrugábeis. Créase un antepalco con paredes de vidro.