Plataforma única e accesibilidade para o barrio do Cabo, en Lourizán

94

    • O alcalde visitou esta mañá os traballos, que poderán estar rematados a finais de ano, e que suporá mellorar substancialmente a calidade dos espazos públicos do barrio
    • O proxecto de rehabilitación integral prevé, tamén, soterrar os servizos e instalar iluminación pública

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez visitaron esta mañá os traballos de rehabilitación integral do barrio do Cabo, na parroquia de Lourizán. A intervención municipal consiste na reparación íntegra de todo o espazo público dado que se atopa en moi malas condicións, tratando de achegar -na medida do posible dado que son corredoiras moi estreitas- os estándares de calidade do resto de barrios urbanos ou rurais.

O alcalde destacou que o barrio ten importantes problemas tanto de pavimentos como de barreiras arquitectónicas ou iluminación. O proxecto contempla, polo tanto, a creación de plataformas únicas que permitan eliminar o maior número posible de barreiras, e enterrar todos os servizos do barrio (telefonía, electricidade…) para retirar os postes da vía pública, dándolle máis amplitude ás rúas.

Tamén está previsto a reordenación do estacionamento situado ao carón do colexio, a mellora do acceso á praia que se fará de acordo do Confraría de Pescadores xa que teñen o pósito neste punto, e a iluminación de todo o barrio e da súa contorna.

O Concello fai un investimento de máis de 200.000 euros que executa a empresa E.C.Casas, que recibiu os parabéns dos veciños que participaron nesta visita, xunto ao alcalde e o concelleiro de Obras. Tamén o Concello recibiu as grazas dos residentes por este proxecto longamente agardado.

As obras teñen un prazo de execución de catro meses, polo que poderán estar rematadas cara finais de ano.

O alcalde destacou que este proxecto forma parte dunha actuación global na parroquia de Lourizán onde tamén se traballa na subida ao Regueiriño dende a Carballeira, e se proxecta a rehabilitación do mercado de Estribela, ademais do xa executado calmado de tráfico no colexio da Carballeira. Máis dun millón de euros de investimentos nestes momentos.