A nave municipal de Campañó adáptase aos tempos

61
    • A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a contratación da reforma por máis de 200.000 euros.
    • Entre os traballos figuran a substitución da cuberta, a reforma e redistribución da entreplanta, o pintado, e a creación de vestiarios femininos.

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá o proceso de contratación de melloras na nave municipal de Campañó por 232.663,93 euros. O paso do tempo e o uso fan precisa esta actuación nestas dependencias municipais para adaptalas aos tempos. Os servizos técnicos, encargados do proxecto, propuxeron unha reforma ampla e ambiciosa.

A actuación inclúe a substitución da cuberta; novos vestiarios de mulleres; a reforma e redistribución da entreplanta; o pintado da nave e outros pequenos arranxos.

Só a retirada da cuberta existente -de placas nervadas de fibrocemento- terá un custe por enriba dos 65.000 euros. O traballo de desmontaxe e retirada de entullos non está exento de risco pola posíbel presenza de amianto na cuberta de uralita.

A reforma da entreplanta -cuxo custe roza os 43.000 euros- levará da man a creación de espazos de almacén ordenados e diferenciados co fin de facilitar o acceso ao material e o traballo do persoal das brigadas municipais. Baixo a entreplanta estará o espazo para o estacionamento de vehículos.

Tamén está previsto crear novos vestiarios femininos, que suporán un investimento de arredor de 15.800 euros. Serán dependencias adaptadas ás necesidades das traballadoras.

A nave é a base de catro brigadas que suman uns 30 traballadores. Alí están radicados os equipos de sinalización viaria, obras e mantemento, parques e xardíns e electricidade.