O núcleo de centralidade de Salcedo: convivencia de alta calidade urbana 

174

    • O alcalde visitou esta mañá as obras en compañía de membros do Consello parroquial.
    • Van a moi bo ritmo e permiten implantar medidas de calmado de tráfico, un auditorio ao aire libre, pistas de xogo, e reordenar o tráfico dándolle a prioridade ao peón.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, puido comprobar esta mañá o bo ritmo das obras de creación do núcleo de centralidade parroquial de Salcedo. Estivo acompañado polos concelleiros de Obras e o delegado da parroquia, Demetrio Gómez e Alberto Oubiña, e tamén polos representantes do Consello parroquial.

O alcalde fixo un agradecemento expreso a todas as entidades que integran o Consello parroquial de Salcedo pola “colaboración absoluta, imprescindible, necesaria, que demostra que cando nos poñemos dacordo, multiplícanse os efectos positivos”.

Neste momento estanse a facer traballos de xardinería, e colocación das pezas de peche de todo o novo recinto. E quedan pendentes remates como as escaleiras de acceso ao novo auditorio ao aire libre que se creou.

Xa está rematado o percorrido peonil perimetral entre as dúas entradas ao cemiterio, e estase a mellorar os espazos de estancia entre a Casa do Monte e a Casa Verde onde se instalou unha pista de petanca, unha pista de chave e o parque infantil (xa instalado), e completarase con mesas e bancos, e  árbores froiteiras.

O auditorio ao aire libre empeza a coller forma e permitirá ver os espectáculos que se celebren no interior da Casa Verde. A intervención completouse coa mellora do muro de peche de pedra, así como coa instalación de novos servizos por toda a rúa. Tamén dispón de alumeado específico para cada unha das zonas que se crean.

Na xornada de hoxe realizábanse os labores de asfaltado da estrada que se manterá de dobre dirección con medidas de calmado de tráfico.

A obra ten un orzamento de licitación era de 397.398,51 e foi adxudicada a E.C.Casas por 326.502 euros.

Durante a visita, o alcalde destacou que o de Salcedo é o núcleo de centralidade parroquial máis completo que se ten feito até o de agora (o seguinte máis grande foi o de Cabaleiro, en Campañó), no que se topa a Igrexa, o cemiterio, a casa da cultura e a casa do monte. “Tamén hai unha zona deportiva que no futuro unirán os colexios de Cabanas e o de Cruceiro, co núcleo da Casa Verde”, adiantou Fernández Lores.

Lembrou que o propósito é pór en valor estes puntos de encontro veciñal creando espazos de convivencia con alta calidade urbana, con materiais de primeira calidade, e seguranza viaria.

A mellora do núcleo de centralidade parroquial completa o proxecto da Casa Verde que se  inaugurou no ano 2015 e que tivo un custe de 708.522,74 euros.

Ademais, nestes días tamén se está a rematar o proxecto de calmado de tráfico diante do colexio do Cruceiro por valor de 110.000 euros que tamén foi obxecto de visita por parte do alcalde e os concelleiros.