A XVIII Feira Franca fai gala dunha “inmensa” participación

18

A concelleira de Festas, Carme da Silva fixo balance esta mañá da exitosa Feira Franca que viviu o pasado sábado o centro histórico de Pontevedra. Recoñeceu que os organizadores estaban especialmente satisfeitos “pola enorme participación, xa que logo de 18 edicións, pódese correr o risco de que a xente se canse”, pero a realidade non foi así.

Carme da Silva recoñeceu que existen como dous programas de festas: un o que organiza a propia concellaría para dinamizar a feira, e outro o que poñen en marcha grupos de persoas, a título particular como músicos, pequenos actuacións… “o que fala do compromiso da xente coa participación”.

Outro dos aspectos co que están moi satisfeitos os organizadores, é que parece desbotada a posibilidade de deterioro da festa. Logo de 18 edicións, cabía esa posibilidade “de que se acabase convertendo nun botellón”, seguindo o paralelismo de experiencias similares. A realidade é que o traballo dun gran grupo de persoas durante os meses previos para facer actividades que encaixen no público familiar, desbotou esa posibilidade. “O compartamento da xente foi exemplar. E agradecer a participación da xente ano tras ano”, asegurou Da Silva.

Destacou tamén o importantísimo retorno da festa, “e non só da hostalería”, e alabou o comportante da xente que “fixo caso das indicacións dos servizos de seguridade. Non houbo ningún tipo de problema con parrillas, extintores, todas as medidas solicitadas cumpríronse. Non houbo incidente agás algunha intoxicación etílica, algún corte, ou algún mareo…”. Carme da Silva adiantou que o servizo municipal xa traballa na vindeira edición.