Adxudicado co Campo de Fútbol de Cerponzóns, que estará en obras este ano

48

A empresa Prace, Servizos e Obras será a encargada de executar o proxecto do Campo de fútbol de herba sintética de Cerponzóns, en Chan do Monte, por un prezo de 865.000 euros. Dende a sinatura do contrato, a empresa terá un prazo de execución de seis meses para executar a obra que consiste na creación do terreo de xogo, dos vestiarios, da instalación da cantina, e mellorar os accesos ao campo.

Entre as melloras que ofertou Prace están o incremento en 5 anos do mantemento das instalacións do campo, melloras en equipamentos deportivos por máis de 27.000 euros, ou melloras nas instalacións deportivas por 24.000 euros.

Para este proxecto que arrancou cun orzamento de licitación de 1.027.893,51 euros, tíñanse presentado 22 empresas, das cales seis incurriron en baixa, e das cales dúas non xustificaron esta baixa inxustificada.

O proxecto do campo de fútbol de herba sintética de Cerponzóns contempla un terreo de
xogo dunha superficie de 1050,63 metros, é dicir, permitirá a creación dun campo de
fútbol 11 e dous campos de fútbol 7. Crearase con materiais recomendados pola FIFA
para poderen ser utilizados en competicións oficiais, igual que o que se está a instalar na
Xunqueira.

O complexo tamén disporá de dous edificios. Un será o dos vestiarios, xa que está previsto derrubar as actuais instalacións. Terá 392 metros cadrados con catro vestiarios para xogadores, dous para árbitros, enfermería e almacén para aparellos de fútbol, limpeza e outros elementos. Tamén disporá dunha sala de instalacións.

Construirase un segundo edificio -máis pequeno- que substituirá á cantina que tamén se
derrubará. Terá aseos e novos accesos.

Serán edificios de liñas rectas, sinxelos, de formigón sen que destaquen demasiado para
que non invadan a paisaxe espectacular. Levarán unha parede de vidro, que será a que
dá ao campo. E todo o edificio estará recuberto dunha celosía metálica que impide a
visión de fóra cara dentro. Permitirá a entrada da luz durante o día, e facer del un edificio
eficiente durante a noite.

O tellado será de pedra granítica transitable.

Esta obra está enmarcada dentro do plan de renovación e construción de novas infraestruturas do Concello no que se atopan proxectos como a reforma da cuberta do Pavillón Municipal, a o Pavillón da Parda, a reforma das Piscinas de Campolongo, a reforma do campo de fútbol de A Xunqueira, o campo de fútbol de Salcedo ou o de Gatomorto, en Xeve, entre outros.