A segunda edición do Tek-Fest une memoria e tecnoloxía para pór en valor o patrimonio urbano

25
  • As tecnoloxías emerxentes aplicadas á memoria audiovisual e téxtil da cidade, xunto co legado dos inventores galegos, serán os protagonistas este ano do TEK-FEST.
  • A Mostra VR traerá a Pontevedra unha selección dos mellores contidos internacionais de realidade virtual, así como pezas realizadas na contorna da cidade.

A II edición do TEK-FEST será un Encontro de Tecnoloxía e Patrimonio que conectará a memoria da cidade cos tecnoloxías emerxentes a través de distintos obradoiros e actividades que se realizarán en lugares emblemáticos de Pontevedra, do 25 ao 30 de setembro. A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías , xunto co concelleiro de Xuventude e Novas Tecnoloxías, Alberto Oubiña, e o delegado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal , acompañados polo director creativo do TEK-FEST, Toño Cabanelas, e a directora de Esdemga, Lola Dopico, avanzou esta mañá as catro liñas de contido para esta edición do encontro e destacaron a integración dos «novos socios» que colaboran este ano no TEK-FEST.

A incorporación de Esdemga á organización do festival é unha das principiais novidades deste ano nun TEK-FEST que quere mirar a distintos aspectos do patrimonio da cidade dende a perspectiva tecnolóxica e a artesanía dixital. E para iso proponse «crear sinerxias sumando novos axentes á organización deste encontro, como a Deputación de Pontevedra ou a Universidade de Vigo», subliñou Anabel Gulías. Pola súa parte, Xosé Leal destacou “a procura de novos públicos que buscan iniciativas como o TEK-FEST, coa misión de democratizar a tecnoloxía e facela accesible, ao tempo que se pon en valor un patrimonio moi vivo” como é o de Pontevedra. O concelleiro Alberto Oubiña manifestou a oportunidade que volve supoñer este evento para “situar a Pontevedra no mapa das tecnoloxías emerxentes a través do noso patrimonio, para demostrarlle ao mundo que somos potencia como país”.

Lola Dopico insistiu na idea de poñer a colaborar distintas entidades en proxectos coma este e, no que respecta á Universidade, integrar actividades dirixidas ao estudantado pero tamén á comunidade investigadora. Nesta liña o grupo de investigación DX7 vén traballando dende hai un tempo nas conexións entre os procesos artesanais da moda e máis a tecnoloxía, un tema que estará presente no TEK-FEST deste ano a través do taller “Calor+Memoria” que impartirá Arantza Vilas de Pinaki Studios.

En canto ao concepto que preside este ano o festival, o seu director Toño Cabanelas, explicou que «se na súa primeira edición o lema do festival foi “A cidade do futuro” este ano o TEK-FEST quere realizar unha viaxe na outra dirección, do futuro ao pasado, que complete e enriqueza a experiencia do 2016, volvendo a mirada á memoria da cidade para seguir situando a Pontevedra na vangarda tecnolóxica».

A continuidade virá dada pola presenza da realidade virtual e aumentada, tecnoloxías que xa estiveron presentes na primeira edición do TEK-FEST, e que volverán protagonizar esta edición, nun momento de madurez no que «xa non se primará a tecnoloxía só, senón que os protagonistas serán os contidos. Queremos que a xente de Pontevedra poida acceder aos mellores contidos internacionais, tanto películas experimentais como contidos relacionados co patrimonio e a moda, e tamén imaxes en 360º producidas o ano pasado no propio TEK-FEST.». Será na Mostra VR que porá este ano en marcha o festival, outra das novidades desta edición.

Catro liñas de actividades

O festival este ano terá así catro liñas fundamentais de actuación. En primeiro lugar, un obradoiro de VR + Patrimonio, impartido por Bermudas Land, ofrecerá aos participantes a
posibilidade de reconstruír imaxes antigas da cidade pasándoas a un formato inmersivo en
360º. O segundo obradoiro, coordinado por Esdemga, leva por título “Calor+Memoria” e
achegarase á memoria téxtil da cidade a través dos novos procesos de tratamento de
superficies. Será impartido por Arantza Vilas, deseñadora e investigadora galega afincada
en Londres, onde creou Pinaki Studios, e que destaca pola súa investigación en novas
materias téxtiles. Tamén é coñecida por ter deseñado parte do vestiario da serie “Xogo de
Tronos”.

Outro dos platos fortes deste ano será a Homenaxe aos “Tekis” do século XX, coa que o
TEK-FEST quere reivindicar o patrimonio dos inventores galegos. Os protagonistas desta
homenaxe serán este ano os irmáns Portela Seijo, de Santiago de Compostela, que foron
pioneiros na enxeñaría acústica e audiovisual patentando inventos como o magnetófono de
cable de aceiro, que quixo comprar Philips en 1942, ou o Organ Sound , o mítico altofalante
feito a base de cilindros e inspirado nos tubos do órgano da Catedral de Santiago.
Precisamente o Organ Sound será obxecto durante o TEK-FEST dunha reconstrución a
cargo do artesán dixital Miguel Espada, do estudio Espadaysantacruz, que xa o ano pasado participara no TEK-FEST coa instalación “Light Kinetics” inspirada na ponte do Burgo de Pontevedra.

A reconstrución do Organ Sound permitirá volver á vida a este singular aparello e reconvertelo nun instrumento de música electrónica, un modular synth, co que se fará unha acción sonora e audiovisual no TEK-FEST que servirá de homenaxe pública aos Portela Seijo, coa presenza dos seus herdeiros.

Por último, a mencionada Mostra VR traerá a Pontevedra unha selección internacional dos
mellores contidos en realidade virtual, co foco posto nos contidos experimentais e naqueles
relacionados coa moda e co patrimonio. Esta mostra está patrocinada por Samsung, que
proporciona varios equipos e gafas de VR para que todos os pontevedreses que o desexen
poidan acudir a ver en exclusiva estes filmes.

Todas as actividades do TEK-FEST deste ano serán gratuítas, incluídos os obradoiros de VR + Patrimonio e de Memoria textil de Pontevedra, que teñen prazas limitadas. Estes
obradoiros están dirixidos a estudantes de Belas Artes, Moda e Comunicación Audiovisual,
e tamén a profesionais dos ámbitos do deseño, a artesanía, a imaxe e a cultura dixital. Nas
próximas semanas faranse públicas as convocatorias para que as persoas interesadas
poidan incribirse nos procesos de selección de participantes. A inscrición poderá facerse a
partir da última semana de xullo a través da web do festival, https://tek-fest.com/ .