O “novo” Pavillón Multiusos da Xunqueira costará 2,1 millóns

96

O Concello xa dispón do proxecto de reforma do Pavillón Multiusos da Xunqueira, a instalación deportiva do concello, xunto ao Pavillón Municipal, que máis usos ten. O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez presentou esta mañá o proxecto de reforma integral do edificio que supera os dous millóns de euros e que terá un prazo de execución de doce meses. Destacou que se trata dunha obra “imprescindíbel” porque o edificio está moi avellentado e precisa reformas con certa urxencia. Explicou que durante todos estes anos (o Multiusos inaugurouse a finais da década dos oitenta) fixéronselle traballos de mantemento tratando de alongar a súa vida útil, pero ultimamente presenta evidentes problemas estruturais, xunto a outros que obrigan a unha reforma integral.

O concelleiro fixo fincapé que tanto pola envergadura da obra como polo investimento que se lle fará, case que o nome do proxecto debera ser o “Novo pavillón multiusos da Xunqueira”.

O proxecto contempla conservar só, a estrutura do edificio e derrubar o demais. Comezando pola cuberta, refarase totalmente con illante térmico até o de agora inexistente e impermeabilízase dando solución aos problemas actuais de humidade. Só se manterá a grava actual sobre a cuberta.

Sobre o illamento térmico da instalación, lógrase cunha nova carpintería metálica e novo acristalamento específico para acadar ese illamento.

Instalaranse todos os servizos novos: electricidade, alumeado Led que permitirá poder practicar deportes nas dúas pistas de forma independente, fontanería, mellora do sistema antiincendios…

Tamén se renova todo o sistema de calor con novas caldeiras, sistema de quecemento de auga con placas solares, sistema de auga quente sanitaria, e sistema de auga fría.

Farase unha mellora integral da accesibilidade, eliminando as barreiras do edificio, instalando un novo ascensor, e construíndo aseos adaptados para o público, dos que agora carecen.

No tocante ás instalacións deportivas, está prevista a redistribución dos vestiarios de xeito máis racional e equilibrado, con novo mobiliario e equipamento interior. Tamén serán novas as pistas deportivas, xa que se retirará a actual soleira de formigón, instalarase unha nova, sobre a que se montará a nova superficie de xogo. Tamén disporá de novo mobiliario como banquiños e mesas de control, canastras de baloncesto e bancadas con cortina elevábel.

O custe total do proxecto está estimado en 2.106.040,59 euros, e o prazo de execución da obra é de 12 meses.

O Concello inicia agora o expediente de contratación para poder iniciar as obras a finais de ano.

Demetrio Gómez lembrou o Pavillón Multiusos da Xunqueira é, xunto ao Pavillón Municipal, a instalación deportiva con máis usos do concello. Arredor de 7.000 usuarios/mes e está aberto todos os días dende primeira hora até as doce da noite, agás os domingos pola tarde. Explicou que o Concello xa traballa nas alternativas de xogo ao Multiusos mentres estea en obras, pero quixo tranquilizar aos clubs asegurando que non se comezará a obra antes de que cada equipo teña claro onde vai xogar.