A Xunta de Goberno aproba máis de 600.000 euros para proxectos de accesibilidade e seguranza viaria

66

  • Sae a contratación por máis de 140.000 euros o plan integral de calmado de tráfico de Mourente
  • A construtora E.C Casas foi a adxudicataria da instalación de lombos no Polígono do Campiño por máis de 185.000 euros.
  • Covsa será a encargada de reforma o segundo treito da avenida de Vigo por máis de 230.000 euros.

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá adxudicacións, contratos ou expedientes de contratación por valor de máis de 600.000 euros. O proxecto de calmado de tráfico na parroquia de Mourente, a seguridade viaria do Polígono industrial do Campiño, e o proxecto do último tramo de urbanización da avenida de Vigo foron os asuntos impulsados polo Goberno Local na reunión desta mañá.

A Xunta de Goberno aprobou o proxecto de contratación do calmado de tráfico na parroquia de Mourente con un orzamento de licitación de 141.615 euros e un prazo de execución de 4 meses. O proxecto supón a instalación de máis de 50 redutores de velocidade nas vías municipais que non foron tratadas até o de agora ou nas que non está previsto actuar cun proxecto singular.

O obxectivo deste plan integral é mellorar a mobilidade peonil e ciclista en Mourente, e facer máis segura a vida dos veciños. Por iso, crearanse espazos seguros e itinerarios peonís, de tal xeito que calquera persoa poida ir camiñando de Eirós (a parte máis alonxada da cidade) á Valdecorvos (a máis próxima) con seguridade.

Seguranza viaria e lombos no Campiño

Entre as adxudicacións están a mellora da accesibilidade e seguridade viaria no Polígono industrial do Campiño por un orzamento de 185.615 euros á empresa E.C.Casas. O prazo de execución é de 3 meses e as melloras que ofreceu son maior número de pasos elevados e máis espesor na capa de asfaltado.

O propósito desta obra é mellorar a accesibilidade dos peóns que transitan polo polígono pero tamén mellorar a seguranza viaria, e evitar as carreiras de coches que se teñen rexistrado neste polígono.

Segundo treito da avenida de Vigo

Por último, a Xunta de Goberno tamén aprobou a adxudicación á empresa Covsa da reurbanización do segundo treito da avenida de Vigo por valor de 236.782,13 euros (o orzamento de licitación é de 274.895 euros). A empresa ten un prazo de execución de catro meses logo da sinatura do contrato, e ofertou melloras como os bordes graníticos da beirarrúa.

Trátase da última parte da rúa, duns 300 metros, situada entre Luís Seoane e o nó do Pino. A intervención de reurbanización é similar ao primeiro tramo que se realizou durante a apertura da avenida Josefina Arruti:

    • As beirarrúas teñen un mínimo de 3 metros
    • Un carril de circulación
    • Estacionamento en liña a ambos lados da rúa.
    • Arborado na marxe dereita da rúa
    • Recuar o alumeado existente (xa renovado con anterioridade) e completar os farois que faltan.
    • Refacer toda a rede de sumidoiros.

A actuación vese reforzada por outras melloras que xa se teñen realizado nesta rúa como a mellora da accesibilidade e o calmado de tráfico na rúa, que se respectarán nesta actuación.

Esta obra enmarcase dentro do obxectivo do Goberno Local de trasladar a calidade urbana do centro da cidade ás parroquias e a todos os barrios. De feito, é unha actuación que no seu día foi consensuada cos veciños do entorno e que é moi importante para o Goberno dado que se trata de mellorar a imaxe dunha das saídas da cidade, factor importante de cara aos visitantes que se achegan a Pontevedra.