Normalización Lingüística pecha esta semana as actividades cos colexios

    6

    ‣ Para mañá están programada unha charla sobre Carlos Casares no CEIP San Benito de Lérez, e un roteiro infantil cos nenos do EEI de Con, Moaña

    Co remate do curso escolar, tamén chegan ao seu fin as actividades programadas pola Concellaría de Normalización Lingüística nos centros de ensino de Pontevedra. As propostas para mañá son:

    Luns 19 de xuño

    • Charla de Damián Villalaín sobre Carlos Casares no CEIP San Bieito de Lérez, ás 10.00 horas. Asistirán as nenas e nenos de 5º e 6º de primaria do CEIP San Bieito de Lérez, que con anterioridade recibiron cadanseu libro Carlos Casares. Vida e literatura. Damián Villalaín é autor, xunto con Xan Carballa, desta biografía de Carlos Casares editada por Xerais para nenas e nenos de 11 anos en diante. Villalaín é membro da Fundación Carlos Casares e é un dos mellores coñecedores da figura humana e literaria deste escritor. Esta charla está dentro das actividades que a Concellaría de Normalización Lingüística organizou para dar a coñecer o labor a prol da lingua do escritor homenaxeado nas Letras Galegas deste ano.
    • Roteiro infantil coa EEI do Con – Moaña. Saída ás 10.30 h desde a praza da Peregrina. O grupo estará formado por 30 escolares de 4º, 5º e 6º de educación infantil, acompañados polas súas profesoras. Con esta proposta a Concellaría de Normalización Lingüística quere dinamizar o uso da lingua entre nenos e nenas de educación infantil e 1º ciclo de primaria. Os máis pequenos e pequenas farán un percorrido guiado polo centro histórico, para descubrir a cidade e a lingua a través de xogos. En cada parada haberá unha misión específica e didacticamente axeitada á historia do lugar e á idade dos participantes: na praza da Estrela terán que debuxar as imaxes da Casa das Caras e adiviñar a que gremio pertencen; na da Verdura recrearán un mercado tradicional; medirán o Teucro cos seu pasos xogando coas medidas antigas e na Pedreira pecharán os ollos para recoñecer os sons que habería antes da nosa época.

    O Concello de Pontevedra, a través da Concellaría de Normalización Lingüística, ten á disposición dos colectivos que as soliciten varias visitas guiadas pola Pontevedra vinculada a diferentes persoeiros pontevedreses de relevancia para a lingua galega. Estas actividades realízanse ao longo de todo o ano.

    Os percorridos están deseñados co obxectivo de ligar o uso do noso idioma aos espazos urbanos da cidade, recuperar e difundir a memoria histórica de Pontevedra inserida no contorno xeral da historia de Galicia e dinamizar os usos orais da lingua galega no ámbito urbano.