Pontevedra, preparada para unha nova invasión de triatletas co Campionato de España de Clubs

75

A cidade de Pontevedra xa está preparada para unha “nova invasión de triatletas” esta fin de semana, coa celebración do Campionato de España de Tríatlon por Clubs. Hoxe tivo lugar no Concello de Pontevedra o acto de presentación do evento, no que participaron a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, o director do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, Jesús López, e o presidente da Federación Galega de Tríatlon, Óscar Surís.

A concelleira de Deportes destacou o que significa para a cidade este evento non só deportivamente, senón a nivel económico: “Foi algo que tivemos moi en conta cando iniciamos esta colaboración co tríatlon hai dez anos: Apoiar ao deporte, fundamental, e o pulo económico que significa para a cidade ter durante dous ou tres días a máis de 700 deportistas e os seus acompañantes”.

Anxos Riveiro tamén destacou a colaboración da Xunta de Galicia, a través do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, que “este ano funcionará como centro de operacións”. Pola súa banda o director do CGTD, Jesús López, manifestou a su satisfacción por colaborar “co Concello de Pontevedra neste evento” e ademais destacou a sección de tríatlon que ten o centro de tecnificación, “polo que o orgullo é aínda maior”.

O presidente da Federación Galega de Tríatlon, Óscar Surís, despois de agradecer o apoio continuado do Concello de Pontevedra nestes dez anos, así coma da Xunta de Galicia, explicou o funcionamento deste Campionato de España de Tríatlon por clubs, que aparece anunciado pola cidade co lema “Nova invasión de triatletas”.

O Campionato de España de Tríatlon por clubs é a 3ª xornada da Liga Nacional de Clubs, que está formada por 6 probas. O campionato desenvolverase sobre a distancia sprint (750 metros de natación, 19 quilómetros de bici e 5 de carreira a pe) e no mesmo recorrido do pasado ano.

En Primeira División, cada entidade debe presentar un equipo formado por un mínimo de 8 deportistas e un máximo de 10 e puntúan todos os participantes (segundo sexa o posto, recibe un número de puntos e coa suma de todos, se formará a clasificación de clubs). Haberá un vencedor individual en cada proba e unha clasificación por clubs.

Ademais da proba de Primeira División (masculina e feminina), tamén haberá Segunda División, Promoción e o tríatlon popular Pontealtri. Actualmente hai 724 triatletas inscritos nas probas de 1ª, 2ª e Promoción (sen pechar o prazo de inscrición de deportistas).

Surís destacou a alta participación de clubs galegos, “grazas a que se celebra en Pontevedra os clubs máis modesto poden participar nas probas de Promoción, algo que dificilmente podería suceder se o campionato fose nun lugar alonxado”. Ademais, tamén falou do protagonismo dos clubs galegos en Primeira División e para iso recordou os resultados do pasado ano neste mesmo torneo, que se celebrou en Xixón, con triunfos de equipos galegos tanto na categoría masculina

(Cidade de Lugo Fluvial, campión e Arcade Inforhouse, subcampión) coma feminina (Tríatlon Ferrol, campión e Cidade de Lugo Fluvial, bronce) e tamén a nivel individual (Pablo Dapena e Camila Alonso venceron nas probas).

Campionato de España de Triatlón por Clubs