Máis de 20 empresas presentan ofertas para o Campo de Chan do Monte

64

A Mesa de Contratación do Concello de Pontevedra abriu hoxe as ofertas presentadas polas 22 empresas que se presentaron á licitación do Campo de fútbol de herba sintética de Chan do Monte, en Cerponzóns. As ofertas económicas oscilaron entre os 755.193 euros a máis baixa, ao 1.027.893,51 euros a máis alta (e o orzamento de licitación). O portavoz do Goberno anunciou que o propósito é que a obra poida estar executada neste anom xa que o prazo de obra é de seis meses.

As empresas que se presentaron foron:

    1. Construcións E.C. Casas
    2. Construciones Fechi SLU
    3. Construcciones Obras y Viales SA.
    4. Construcciones Orega S.L.
    5. Construcciones y proyectos Abilleira Sociedad Limitada
    6. Constructora San José S.A.
    7. Elsamex S.A.
    8. Eulen SA
    9. Explotacións medioambientais SLU
    10. Fieldturf Poligras SA
    11. Fonsan gestión y construcción SL
    12. Naron SL
    13. Obras, caminos y asfaltos SA
    14. Obras, pavimentos e instalaciones industriais SL
    15. Obras y servicios Gómez Crespo SL
    16. Obras y viales de Galicia SL
    17. Ogmios Proyecto SL
    18. O3 Servicios y contratas SL
    19. Petrolam Infraestruturas SL
    20. Prace, servicios y obras SA
    21. Tecyr construcciones y reparaciones SA
    22. Unika proyectos y obras SAU

Esta obra está enmarcada dentro do plan de renovación e construción de novas infraestruturas do Concello no que se atopan proxectos como a reforma da cuberta do Pavillón Municipal, a o Pavillón da Parda, a reforma das Piscinas de Campolongo, a reforma do campo de fútbol de A Xunqueira, o campo de fútbol de Salcedo ou o de Gatomorto, en Xeve, entre outros.

Segundo consta nos pregos de licitación, o prazo de execución da obra é de 6 meses dende a sinatura do contrato, e se inclúen melloras ao proxecto que son potestativas das ofertas que se presenten. As melloras propostas son:

    • Incremento do período de mantemento
    • Mellora dos equipamentos deportivos
    • Instalación de peche perimetral e portón de peche
    • Mellora dos espazos libres que deixe a demolición e construción dos novos vestiarios.

A práctica totalidade das empresas presentaron estas melloras no proxecto, polo que se pode concluír que todas elas se farán. As melloras teñen unha valoración de 150.000 euros.

O proxecto do campo de fútbol de herba sintética de Cerponzóns contempla un terreo de xogo dunha superficie de 1050,63 metros, é dicir, permitirá a creación dun campo de fútbol 11 e dous campos de fútbol 7. Crearase con materiais recomendados pola FIFA para poder seren utilizados en competicións oficiais, igual que o que se está a instalar na Xunqueira.

O complexo tamén disporá de dous edificios: un será o dos vestiarios, xa que está previsto derrubar as actuais instalacións. Este terá 392 metros cadrados con catro vestiarios para xogadores, dous para árbitros, enfermería e almacén para aparellos de fútbol, limpeza e outros elementos. Tamén disporá dunha sala de instalacións.

Construirase un segundo edificio -máis pequeno- que substituirá á cantina que tamén se derrubará. Terá aseos e novos accesos.

Serán edificios de liñas rectas, sinxelos, de formigón sen que destaquen demasiado para que non invadan a paisaxe espectacular. Levarán unha parede de vidro, que será a que dá ao campo. E todo o edificio estará recuberto dunha celosía metálica que impide a visión de fóra cara dentro. Permitirá a entrada da luz durante o día, e facer del un edificio eficiente durante a noite.

O tellado será de pedra granítica transitable.

Sepárase o acceso dos deportistas e do público e o complexo terá auga quente dunha caldeira de biomasa.