Aprobadas por maioría as subvencións aos clubs deportivos da cidade

31

    • A comisión de avaliación aprobou por maioría (coa abstención de Marea) máis de 340.000 euros de axudas.
    • Foron as axudas das Escolas deportivas (máis de 140.000 euros) e as anuais por 300.000 euros.
    • A tramitación que resta: dar voz a os clubs e ordenar os pagos coas autorizacións previas, pode rematar a finais de xuño.

O Concello de Pontevedra celebrou esta mañá a Comisión avaliadora de subvencións do Servizo de Deportes que reparte máis de 340.000 euros entre os clubs da cidade. A Comisión, integrada por todos os grupos municipais, respaldou por maioría estas axudas, agás Marea Pontevedra que se abstivo.

Na Comisión, aprobouse o reparto das subvencións para o desenvolvemento de actividades de iniciación deportiva durante a tempada 2016/2017 (as denominadas Escolas Deportivas) por unha contía global de 140.608,68 euros. Estas axudas repártense do seguinte modo:

    • Escolas deportivas municipais que se desenvolven nos centros escolares das parroquias rurais: 16.980 euros
    • Escolas deportivas municipais para grupos especiais: 7.811,01 euros
    • Escolas deportivas municipais orientadas á poboación en idade escolar: 115.817,67 euros.

O propósito destas axudas é fomentar as actividades de iniciación deportiva que promovan as actividades privadas sen ánimo de lucro, atendendo aos obxectivos de solidariedade, mellora da calidade de vida, promoción e desenvolvemento da cultura física e para facilitar a práctica deportiva da poboación en xeral, e das nenas e nenos, en particular.

A outra liña de subvencións aprobadas esta mañá foron para as asociacións deportivas do Concello para fomentar a práctica deportiva e a participación en competicións oficiais. A denominada como subvencións anuais. Trátase dunha contía xeral de 300.000 euros.

Logo desta aprobación, publicarase a resolución e notificarase aos clubs que terán un prazo de dez días para presentar as alegacións que consideren pertinentes. Posteriormente, será aprobada pola Xunta de Goberno e pasará aos servizos de Intervención e Tesourería para que formalicen o pago aos clubs. Se toda a tramitación non ten atrancos, poderá estar cumprimentada cara finais do mes de xuño.

Como xa se anunciou, a Concellaría xa traballa na resolución da última liña de subvencións de deportes para os clubs da cidade, que se darán a coñecer en breve.

Ao mesmo tempo, Deportes estuda a revisión das bases das axudas municipais ao clubs da cidade para tratar de simplificar e axilizar a tramitación, de tal xeito que resulte máis sinxelo a solicitude para os clubs e tamén a resolución para o equipo técnico da Concellaría, tratando de manter a obxectividade na resolución das convocatorias pero tendo en conta a súa complexidade xa que se está a falar de deportes moi diferentes entre eles.