Arranca a creación do centro lúdico da praza de Praceres

84
    • Dende a semana pasada está en obras a praza, onde se eliminou o parque infantil vello, cuxo espazo será ocupado por mesas de xogo como parchís ou xadrez.
    • Tamén está prevista a instalación de pistas de chave e petanca para maiores, e potenciar o parque infantil baixo as árbores cun elemento para gabear.

O Concello de Pontevedra iniciou a pasada semana os traballos para a configuración e creación do novo centro lúdico das prazas dos Praceres. O Concello investirá 98.000 euros na retirada do vello parque infantil, na instalación de mesas de xogo, na potenciación da área de nenos baixo as árbores e a creación de espazos de xogo para maiores, ao carón do espazo polideportivo da praza.

Os labores comezaron coa retirada dos xogos infantís da antiga área de nenos. Os seus elementos atopábanse moi deteriorados, polo que o Concello acordou a súa retirada (e levantar o pavimento de corcho) e completar a zona con mesas de xogo como parchís, oca, xadrez, cartas…

A zona de lecer infantil trasládase a outra área de nenos situada baixo as árbores, buscando o benestar da sombra en época de calor e para que nenos e nenas teñan non só unha zona segura, se non que ademais dos xogos podan interactuar con elementos da natureza”, en palabras do concelleiro delegado da parroquia de Lourizán Demetrio Gómez. O Concello acordou, polo tanto, a potenciación desta área infantil coa instalación de novos xogos, en concreto, porase un elemento que se integrará na contorna natural e que permitirá aos nenos gabear por ela.

A terceira pata deste centro de lecer de Praceres é a instalación de dúas pistas de xogo tradicionais: chave e petanca, que comezarán nas próximas semanas.

O concelleiro delegado da parroquia, Demetrio Gómez explicou que este centro lúdico pretende converterse nun exemplo para outros barrios e parroquias do concello, a onde se poderá estender aproveitando todos os espazos dos núcleos de centralidade parroquial.