O modelo urbano avanza: mellor accesibilidade na Carballeira-Lourizán e Lérez

53

A mellora da accesibilidade e seguridade viaria é un dos eixos do modelo urbano e unha prioridade de goberno. A xunta de Goberno local de hoxe aprobou o expediente de contratación de dous novos proxectos neste eido: o primeiro na contorna do CEIP A Carballeira, en Lourizán e o segundo na parroquia de Lérez. Suman un investimento de máis de 200.000 euros.

Segundo informou o portavoz do Goberno local, Raimundo González Carballo, o proxecto de mellora da accesibilidade na Carballeira-Lourizán sairá a contratación por 95.167 euros e inclúe a construción dun camiño peonil dende a estrada de Marín até o colexio e a instalación de pasos sobreelevados co fin de darlle prioridade absoluta aos peóns, moitos deles nenos e nenas.

Pola súa banda a actuación na parroquia de Lérez sairá a contratación por 108.486 euros e consistirá na implantación de medidas de calmado de tráfico no cruzamento do camiño do Ramallás e a estrada que sube cara O Castelo. Nesta zona o Concello adquiriu tamén un terreo de 360 metros por 15.000 euros o que permitirá ensanchar o camiño e mellorar o acceso dos veciños de Ramallás dende O Cruceiro.

Por outra banda, a xunta de Goberno local aprobou a contratación dun novo vehículo de Atestados para a Policía Local. Ten un custe de 90.750 euros.