O modelo Pontevedra, na Bienal de Grenoble “Cidades en Transición”

51

Pontevedra será unha das vinte cidades non francesas convidadas á Bienal de Grenoble: Cidades en Transición, que se desenvolverá do 9 ao 12 de marzo. O encontro xurde do convencemento de que “as cidades son o lugar axeitado para adiantar, imaxinar e facer realidade novas fórmulas, novos modelos de vivir ben”, en palabras do alcalde de Grenoble, Éric Piolle, quen entende que a presenza da cidade de Lérez neste amplo foro de debate poderá ser “tan enriquecedor como inspirador para futuras iniciativas que perseguen abordar os retos medioambientais urbanos”.

Xunto a Pontevedra exporán a súas experiencias cidades como Essen (Alemaña), Villeray (Quebec-Canadá), Guadalajara (México), Sfax (Túnez), Totnes (Inglaterra), Cascais (Portugal), Vancouver (Canadá), Oxford (Inglaterra), Suzhou (China), Quito (Ecuador), Valonia (Bélxica) ou Uagadugú (Burkina-Faso).

Ao longo de catro días Grenoble acollerá un amplo programa de actividades: seminarios, mesas redondas, exposicións, obradoiros, actividades na rúa… co obxectivo de debater sobre o futuro das cidades, intercambiar experiencias urbanas innovadoras e atopar o camiño que devolva ás cidades o protagonismo que deben ter. As cidades son actores claves na transición cara unha sociedade sostible, respectuosa, igualitaria e solidaria.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, que viaxa acompañado polo enxeñeiro xefe, Jesús Gómez Viñas, participará como ponente nunha mesa redonda “Transición medio ambiental: da emerxencia ao bo-vivir” que se desenvolverá o venres, 10 de marzo, de 14 a 15.30 horas no Museo de Grenoble. Tamén asistirá e participará dun xeito activo noutras mesas redondas da mañá nas que se debaterá sobre os protagonistas da cidade, economía, solidariedade…

No seu relatorio o alcalde falará do que deben ser as cidades do século XXI e para iso porá enriba da mesa o modelo Pontevedra, unha alternativa real ás cidades invadidas polos coches, ás urbes onde os vehículos son os amos do espazo comunitario e que deixan as persoas en segundo plano. Pontevedra foi quen de inverter este modelo dominante e colocar aos peóns no centro.

A peonalización, a implantación da velocidade 20-30 km/hora, a “desautoxicación” da cidade ten beneficios cuantificables no eido social, económico e tamén ambiental. Cero mortos por atropelos, que os nenos teñan espazos para xogar e vaian sós ao colexio, reducir a deslocalización comercial, aumentar a actividade económica na cidade, eliminar case o 70% das emisións de CO2 ou reducir o 97% dos coches no centro, o 77% no anel interior da cidade e o 53% no conxunto son datos que falan do éxito do modelo Pontevedra.

depliant_biennale