Campolongo, o novo parque referente do casco urbano

1763

O Concello xa dispón dos anteproxectos dos novos parques infantís de Campolongo e Médico Ballina. Serían dúas actuacións que pretenden mellorar as dotacións para rapaces no bordo da cidade, como é o caso de Médico Ballina, e crear un terceiro gran parque na cidade -xunto a Barcelos e as Palmeiras- no barrio de Campolongo.

A Comisión de Mobilidade coñeceu hoxe os dous anteproxectos que presentou o presidente da comisión, Luís Bará, quen tamén anunciou que se reunirá cos veciños de ambos barrios para presentar estas propostas e incorporar as suxestións que fosen precisas.

O propósito do Goberno Local é facer de Campolongo un referente infantil como xa o son Barcelos ou as Palmeiras, por iso propón a creación dun gran parque de 1.700 metros cadrados para satisfacer unha demanda moi elevada de rapaces que empregan o parque da Constitución para xogar. Especialmente, tendo en conta que nos arredores non existe un parque ben dotado, os que hai son pequenos e pensados para cativos.

Logo de estudar distintas situacións, o Concello optou por instalar esta nova área infantil na arboreda onde estaban os xogos para adultos, que se retiraron recentemente porque estaban sendo empregados por nenos, e xa se tiña rexistrado algún incidente.

Esta área estaría dividida en tres zonas: unha para nenos menores de 6 anos; outra de estar con bancos, mesas e papeleiras, pensada para os acompañantes; e unha terceira para nenos de máis de seis anos, cunha estrutura que resulte atractiva e emblemática para o parque.

O custe rondaría os 300.000 euros e o propósito do Goberno é que poida estar licitada ao longo deste ano. O concelleiro Luís Bará manterá contactos cos veciños para presentarlles o proxecto e que poidan facer as achegas que consideren oportunas.

A proposta da área infantil de Campolongo sería esta:

 

No caso de Médico Ballina, o Concello acordou instalar este novo parque infantil nun dos sobrantes do AVE nese punto da cidade. Trátase dun espazo de terra duns 1.200 metros cadrados que tería un custe duns 90.000 euros.

O concelleiro responsable de parques infantís, Luís Bará explicou que o obxectivo sería a licitación do proxecto neste mesmo ano. Ademais tamén adiantou a posibilidade de crear dotacións de carácter deportivo, nas cubertas de formigón de Adif, como obra complementaria do parque infantil, que é a demanda que fan nestes momentos os veciños deste barrio, que creceu moito nos últimos anos.

A proposta para Médico Ballina é esta: