Discurso na entrega dos premios Cidade de Pontevedra 2017

25

Queridos premiados
Concelleiras e concelleiros
Membros do Xurado destes Premios Cidade de Pontevedra 2017 Amigas e amigos

Aquí estamos un ano máis para compartir esta agradábel sesión de honra na que cada ano entregamos os Premios Cidade de Pontevedra. Premios que marcan o pulso dunha cidade orgullosa de si mesma e que aspira a ser cada vez mellor, polo que os seus fillos e fillas máis sobranceiros merecen cada ano convertérense nos nosos protagonistas.

Quero antes de nada agradecer o delicado labor do xurado que cada ano nos axuda a levar adiante esta tradición, e sobre todo ás outras candidaturas presentadas, todas elas merecentes do noso devezo e admiración.

Lembrar que Lourdes Domínguez, Antón Sobral e Verísimo Pazos, así como a Pontevedrada, Boa Vida, Solidariedade Internacional, Festa HQR e Difusión Felina foron dignísimas apostas polas que calquera de nós nos decantaríamos sen dúbida.

Mais o xurado ten que escoller a un, e ademais sempre acerta, porque é a expresión máis plural da cidade. Con Ángela Paz e co Colexio de Avogados volveron a descubrirnos a todos e todas que hai persoas e institucións que aínda que non sexan moi populares nos medios de comunicación, están aí para facer que o mundo sexa un bocadiño máis vivible.

Este ano, en realidade, non temos dous premiados, senón un, con dúas identidades.

O Premio Cidade de Pontevedra é hoxe para as persoas que se comprometen, que loitan, que se identifican cos que precisan axuda para resolvérllela vida a quen sofre algún tipo de grave problema económico ou de integración plena na sociedade.

O altruísmo de verdade, a entrega aos demais, o xeito de ver e sufrir os problemas da parte de quen os padece sen agardar ningún tipo de beneficio é a enerxía positiva que move o sangue destas persoas que hoxe nos honran co seu exemplo.

O seu compromiso non é un postureo de márketing, como o de moitas empresas que, incluso preto de nós, practican ese “boísmo” caritativo que ademais lles serven para reducir o seu imposto de sociedades ou facer iso que denominan “compromiso social corporativo”.

Nin Ángela Paz nin o Colexio de Avogados están nesas leas de negociantes interesados.

En silencio, atendendo só ao importante labor que realizan e sen demasiada visibilidade, ven como sofre quen sofre e como poden axudar a amortecer os males que os aflixen.

Calquera que se cruce con Ángela Paz sabe que naceu para facernos a vida mellor. Coma se o seu nome e primeiro apelido fosen definitorios do seu papel neste mundo fixo desde Paspallás millóns de méritos para encher de boas vibracións iniciativas tan espléndidas como o Salón do Libro ou a Feira Franca, onde sempre foi un exemplo de implicación e vitalidade.
Máis adiante, cando a saúde comezou a fallar saca a forza necesaria para poñela a disposición dos enfermos crónicos, e aparece esta outra Ángela Paz, como exemplo de compromiso que fai da debilidade unha gran fortaleza que a canaliza ao servizo dos enfermos crónicos.

Como dinamizadora social é unha gran colaboradora municipal promove iniciativas a prol da calidade de vida e a mobilidade das persoas afectadas por enfermidades que teñen necesidades urxentes específicas, aspectos nos que tamén se ven implicados moitos outros colectivos.

Estes pequenos episodios que melloran a vida de tanta xente están na base da acción social de Ánxela, que se fai máis forte ante as dificultades e medra como persoa no compromiso colectivo ao que sempre regala o seu tempo e a súa intelixente aposta polos demais.

No que respecta ao Ilustre Colexio Oficial de Avogados de Pontevedra falamos dunha institución case dobremente centenaria, que despois de tanto tempo segue a comprometerse coas persoas, aínda que esa actividade non sexa moi visible.

Cando escoitamos falar do Colexio de Avogados, pode que alguén teña na cabeza unha entidade corporativa de defensa dos intereses destes profesionais. Pero esta institución é moito máis ca iso.

Unha das máis coñecidas dimensións altruístas dos avogados é a do quenda de oficio, ao que moitos xuristas acoden voluntariamente, sabendo que os seus honorarios son moi inferiores aos da súa actividade convencional.

Pero aínda existen outros modos de colaborar coas persoas que teñen máis necesidades, coma os pasos ao fronte que deron nos momentos máis duros da crise económica e que contribuíron a aumentar a visibilidade do seu compromiso social.

Os avogados de Pontevedra, apoiados na acción social municipal, forneceron de servizos gratuítos de atención xurídica ás persoas afectadas polas hipotecas abusivas, facendo a correspondente intermediación previa entre entidades e persoas, antes de entrar na fase propiamente xudicial.

Este compromiso, organizado en colaboración co Concello de Pontevedra, deu como resultado unha oficina de atención ás vítimas bancarias, un modelo que serviu de exemplo á Xunta de Galicia para organizar unha estrutura semellante de apoio ás persoas que sufriron as consecuencias deste pouco edificante comportamento bancario.

Estamos pois ante dous premiados unidos polo compromiso social, que ademais sabemos que tras coñecérense con motivo destes Premios, teñen o camiño aberto para establecer novas canles de colaboración entre eles, algo do que nos felicitamos e celebramos como unha nova oportunidade de colaborar en positivo para as persoas que máis o precisan.

Grazas, amigas e amigos por estar hoxe aquí, por axudarnos nesta linda tarefa de premiar aos mellores entre nós, apoiando o seu labor e traballando todos xuntos, por enriba de calquera diferenza, para facer unha Pontevedra mellor, máis feliz e solidaria.

VIVA PONTEVEDRA