Luz verde á integración do acceso ao Hospital na nova praza peonil de Loureiro Crespo

101

A sinatura da acta de entrega da posesión para uso público do espazo situado na entrada do Hospital Provincial para a súa integración coa nova praza peonil de Loureiro Crespo marca o inicio da conta atrás para acometer o proxecto municipal de mellora da accesibilidade na contorna fronte ao centro hospitalario do Sergas.

A acta foi asinada polo alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores e o xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas), Antonio Fernández-Campa.

A actuación comezará tan pronto o Sergas traslade o punto fixo de doazón de sangue a nova zona de aparcamento do Provincial o que fará de inmediato, segundo confirmou o responsábel sanitario

O alcalde subliñou que o importante -dado o paso da cesión-é que o proxecto previsto está definido e ten orzamento: algo máis de 40.000 euros. O proxecto inclúe, nunha primeira fase, a renovación do pavimento dos accesos ao Hospital, o revestimento con pedra da escaleira frontal e a retirada do enreixado e rebaixa do muro perimetral co fin de converte-lo nunha gran bancada. Esta primeira fase podería estar rematada co ano.

Para unha segunda fase está prevista a intervención na zona axardinada.

O espazo posto a disposición do Concello para uso público, con afección concorrente co servizo público hospitalario, ocupa unha superficie de 1.253,48 metros cadrados dos que 805,27 metros son zonas pavimentadas e o resto zonas axardinadas.

convenio-hospital