Rematada a consolidación das estruturas do xacemento do Castro das Croas

33
    • O concelleiro de Patrimonio histórico, Luís Bará acompañado dos representantes veciñais de Salcedo visitaron estes días os traballos que remataron hai unhas semanas

Os veciños de Salcedo acompañados do concelleiro de Patrimonio histórico, Luís Bará visitaron o pasado sábado o Castro das Croas para coñecer os traballos de consolidación das estruturas arqueolóxicas do xacemento que se realizaron nas últimas semanas. O proxecto irase completando coa incorporación dunha sinalización acaída e de paneis indicativos e informativos para continuar a pór en valor deste castro, corazón arqueolóxico de Pontevedra.

Segundo recolle a memoria da intervención “o Castro das Croas é o único asentamento castrexo da transición Bronce-Ferro nas proximidades de Pontevedra. Só se escavou unha parte que deixou á vista unha potente muralla, pouco común en castros desta época, e unha cabana circular”.

A muralla, duns doce metros de lonxitude, conserva unha altura aproximada dun metro e medio e o seu espesor medio oscila entre 180 e 210 cm. Está construída en mampostería cun aparello irregular no lenzo exterior e moito máis coidado e peculiar no interior.

A estrutura da cabana ten uns corenta centímetros de ancho e sete metros de circunferencia, apenas conserva unha fileira de mampostería do seu nivel de cimentación.

O criterio da consolidación

A memoria desta intervención destaca que o criterio adoptado é o de mínima intervención. Ao respecto da muralla, limpouse, consolidouse a súa estrutura empregando morteiro de cal de pigmentos naturais e incorporando laxes similares ás orixinais da muralla para evitar derrubes. Ademais dunha capa de terra cribada do propio xacemento

O traballo de limpeza completouse cun lavado da superficie con auga, cepillo e esponxa natural. E nalgunhas zonas, para evitar empozamentos, púxose unha primeira capa de grava. Ao finalizar, sementouse céspede.

Tamén explica a memoria que na consolidación da cabana, que está sen rematar de escavar, engadíronse unha ou dúas fileiras de pedras, dependendo do conservado. Para unha rápida identificación no futuro ou por si unha vez completada a escavación detéctase algún erro de reconstrución, interpúxose entre o orixinal e o engadido unha lámina de xeotéxtil e lousa.

O resto da estrutura á vista tapouse con xeotéxtil e cubriuse con grava para evitar que se destape e ralentizar o crecemento de vexetación. Para conter a grava realizouse un cordón de morteiro que tamén serve para dar forma á estrutura completa, xa que trata de seguir o perímetro exterior da cabana. A este morteiro engadíuselle lousa machucada para que se integre visualmente coa estrutura e reencho.

A historia da escavación

A memoria do proxecto de consolidación fai unha breve resumo da historia da escavación das Croas. Lembra que os primeiros sondeos arqueolóxicos de urxencia realizáronse en xuño de 1992, baixo a dirección de Víctor Barbi Alonso e serviron para confirmar a presenza e características crono-culturais do xacemento.

En 1993, Antonio da Pena acometeu a primeira escavación do xacemento, co aval do Museo de Pontevedra e a colaboración da Comunidade de Montes veciñais en man común de Salcedo. Nesta intervención abríronse dez cadrados de cinco metros de lado con corredores ocasionais intermedios que descubriron a muralla cuxa característica máis relevante é que aínda se estaba construíndo no momento do abandono do poboado. Tamén acharon un importante muro de máis de dous metros de espesor que parte do exterior da muralla en plano máis baixo e segue un trazado presuntamente semicircular.

En dous dos sondeos localizouse a estrutura circular de carácter habitacional.

En 2014 realizouse unha escavación arqueolóxica en área para delimitar as estruturas exhumadas na intervención anterior, baixo a dirección de Eduardo Méndez Quintas. Nesta ocasión, o obxectivo era definir as estruturas exhumadas no 1993. Na zona da muralla retiráronse as testemuñas para deixar os lenzos á vista e documentar o muro, e na zona da cabana pretendíase completar a escavación da planta, incluso o interior e o exterior do muro circular, zonas nas que apareceron abundantes restos que confirmaron a súa habitación.