Famaliçao quere definir o seu crecemento urbano e mira cara Pontevedra

48

Unha delegación de técnicos, representantes de asociacións de comerciantes e responsábeis políticos da Cámara Municipal de Vilanova de Famaliçao co seu presidente Paulo Cunha ao fronte están con nós co fin de coñecer o modelo urbano de Pontevedra (características, estratexias levadas a cabo para transformar a cidade, resultados…). O alcalde Miguel Fernández Lores deulles a benvida antes de que comezase unha xuntanza de traballo na que participaron o director xeral de Urbanismo, Xosé Manuel Tato, o enxeñeiro xefe da OTMAIES, Juan Gómez Viñas e o intendente principal da Policía Local, Daniel Macenlle.

Vilanova de Famaliçao é un municipio de preto de 140.000 habitantes cun núcleo urbano de ao redor de 35.000 habitantes e están interesados en converter este centro nun lugar atractivo para vivir e desenrolar actividades económicas, comerciais e sociais. Neste proceso de redefinición urbana miran cara a Pontevedra.

Os membros da delegación portuguesa interesáronse dun xeito especial por coñecer aspectos da transformación da nosa cidade do tipo de: como afectou ao comercio e os negocios locais, que resposta se lle deu ao aparcamento dos vehículos dos residentes amosando un grande interese pola definición e posta en práctica do concepto de “tráfico de necesidade ou como se coordinan os eventos culturais, festivos e deportivos que ocupan as rúas e prazas da cidade e sempre cunha gran participación social.

Após de tres horas de traballo teórico, a delegación portuguesa acompañada polo alcalde Miguel Fernández Lores e o intendente principal da Policía Local, Daniel Macenlle, percorreron a cidade para coñecer na práctica o modelo pontevedrés, a cidade que coida das persoas.

O presidente da Cámara Municipal de Famaliçao, Paulo Cunha, amosou a súa admiración polo modelo local e explicou que eles tentan de definir un crecemento do centro urbano da vila coa premisa do “transporte suave” e neste eido ve en Pontevedra un modelo.