Pontevedra, un modelo a seguir en Seguridade e Educación Vial

30
  1. Seguridade viaria urbana, mobilidade sostible, accesibilidade universal, educación vial son os eixos fundamentais de traballo do I Congreso Galego de Seguridade e Educación Vial Cidade de Narón que pecha esta fin de semana a Semana da Mobilidade desenvolvida neste localidade coruñesa.

    Pontevedra está dobremente representada na cita congresual. Hoxe foi a quenda da tenente de alcalde Carme da Silva quen cun relatorio que levaba por titulo “Construíndo cidades seguras” falou da transformación da cidade do Lérez, unha cidade que agora si “é amábel, cómoda, segura, accesíbel, igualitaria, cohesionada, integrada e economicamente vitalizada”.

    Da Silva fixo un percorrido polo que era a Pontevedra que entraba no século XXI e a que é quince anos despois. Puxo enriba da mesa datos que debuxan a cidade que hoxe é coñecida e recoñecida internacionalmente e que son froito dun deseño urbano pensado, estratexias definidas e valentía política para acadar os obxectivos marcados e tamén da participación activa e a complicidade dos máis.

    Neste tempo, por exemplo, aumentou nun 60% o espazo peonil, un 67% os desprazamentos a pé e diminuíu ao redor do 60% as emisións de CO2 pero tamén rexistrouse o incremento dun 33% da poboación, a ocupación das rúas e prazas por nenos e nenas xogando; unha drástica caída da contaminación acústica (ruído) ou a contabilización de cero mortos en accidentes de trafico nos últimos anos.

    O I Congreso Galego de Seguridade e Educación Vial Cidade de Narón ten tamén unha vertente máis técnica e profesional. Neste caso Pontevedra estará representada mañá, 29 de maio, polo Coordinador de Educación Vial da Policía Local, Antonio Duarte quen vai a participar nunha mesa de traballo sobre “Estratexias para a coordinación de programas de educación vial en Galicia”

    “A seguridade de todos é nosa prioridade” subliña Antonio Duarte quen vai a explicar a metodoloxía de traballo da Policía Local de Pontevedra e o seu longo percorrido no eido da educación vial que adquiriu unha importancia maior cando o Goberno local optou por impulsar un modelo de cidade que contempla a prioridade peonil sobre a dos vehículos.

    O obxectivo é mellorar as condutas viarias dos cidadáns e tratar de garantir a seguridade de todos e todas e para elo a educación érguese como instrumento básico para a modificación de comportamentos potencialmente perigosos e transmisión de valores.

    Con máis de dúas décadas de experiencia, a Policía Local foi ampliando o número e segmentos de poboación diana dos seus programas de educación vial e se arrancaron con seminarios para nenos e nenas de Primaria, a día de hoxe teñen obradoiros para alumnos e alumnas de até 18 anos e mesmo experiencias con meniños menores de 3 anos; para mulleres embarazadas, persoas da terceira idade, persoas con discapacidade… e proxectos como os camiños escolares seguros polos que van os rapaces sós andando ao cole.

    O I Congreso Galego de Seguridade e Educación Vial de Narón ten, entre os seus obxectivos compartir experiencias e coñecementos e traballar de forma colaborativa en prol da seguridade viaria urbana, a mobilidade sostible e a accesibilidade universal nas cidades pero tamén tratar de unificar criterios e mesmo elaborar un protocolo galego sobre educación vial, unha tarefa na que Pontevedra é un referente.