Pontevedra amosa en Burgos como se constrúe unha cidade para as persoas

29

O proceso de recuperación dos espazos públicos para as persoas, as técnicas e estratexias utilizadas para diminuír os tráficos “innecesarios” das rúas da cidade e deixar os tráficos de destino, os necesarios, os que están ligados a actividade económica e a calidade de vida. Foron cuestions abordada hoxe polo intendente principal da Policía Local, Daniel Macenlle quen falou en Burgos do que é e do que implica un modelo urbano como Pontevedra.

Macenlle participou nunha mesa redonda sobre “Urbanismo de proximidade. As persoas como suxeitos da Mobilidade” xunto cun representante do departamento de Mobilidade do Ayuntamiento de Burgos, un portavoz de a Asociación de viandantes A Pié de Madrid e outro de Andando, Foro Estatal de Peatones. O acto estivo organizado pola nova Asociación Andando-Burgos en colaboración co Colexio de Arquitectos.

O responsábel da Policía Local explicou que Pontevedra é un modelo de cidade integral que outorga ás persoas o protagonismo e polo tanto a mobilidade e de preferencia peonil sempre. Neste marco atopáse a aposta pola recuperación de espazos públicos para os cidadáns o que se fixo con carrís únicos de circulación e beirarrúas máis anchas, con plataformas únicas de convivencia de tráficos, coa adopción de medidas de calmado de tráfico -redutores de velocidade, pasos sobreelevados, velocidade 30…- e de estratexias circulatorias que disuaden aos tráficos de paso e de axitación (os que rulan na procura de aparcamento) de entrar no centro e deixan vía libre aos tráficos necesarios. Neste apartado están os vencellados á actividade económica e a garantir os servizos de cidade e os que teñen como destino os domicilios dos condutores.

Esta aposta tradúcese, subliñou Daniel Macenlle, nunha evidente mellora da calidade de vida das persoas xa que profunda na seguridade viaria e fai caer en picado a accidentalidade, diminúe a contaminación e fomenta tamén a convivencia e os comportamentos cívicos. O éxito deste modelo chega da man da complicidade dos máis.