Veciños de Marcón súmanse á petición de lombos no rural, neste caso, en Vilafranca

49

A Asociación de veciños de San Miguel de Marcón súmanse á petición xeral dos pontevedreses de demandar pasos de peóns sobreelevados nas vías tanto urbanas como do rural, situándose fronte á decisión dos grupos da oposición municipal que aprobaron a reforma da ordenanza de circulación asumindo a normativa de Fomento para estas vías.

Nun escrito dirixido ao Concello e que obra no poder do concelleiro coordinador do rural, Demetrio Gómez, os responsables da asociación piden que no lugar de Vilafranca, no cruzamento da Fonte do Viveiro se fagan melloras para garantir a seguranza viaria na zona. En concreto demandan a instalación dun espello para que se poda facer a incorporación e os xiros con seguridade, ademais de instalar unha sinalización de 20km/h e lombos.

Trátase dunha vía moi transitada porque por esta confluencia accédese ao colexio público, ao pavillón multiusos e tamén ao campo de fútbol.

No escrito tamén aproveitan para solicitar una marquesiña no lugar de Vilafranca e cambiar a do lugar de Pazos.