Pontevedra expón en Valladolid os logros do modelo urbano

38

O concelleiro de Medio Ambiente Urbano, Luís Bará participou onte pola tarde na charla-debate “Modelos de ciudad, tres visiones” organizada pola Asamblea Ciclista de Valladolid, no Museo del Patio Herreriano de Valladolid. Neste encontro, o concelleiro expuxo o  modelo urbano de Pontevedra, os seus inicios, creación, consolidación, e claves para o seu éxito, ademais dos frutos que lle está a supor ao concello e a implicación da cidadanía.

Con esta conferencia, a Asamblea Ciclista de Valladolid pretendía pór sobre a mesa o modelo de cidade no que se quere traballar en Valladolid “polo menos ao que á mobilidade sostible e ciclista se refire. Se escollemos Pontevedra e Madrid é porque se trata de dúas cidades diametralmente opostas: a cidade galega aposta por un tipo de mobilidade claramente peonil, con iniciativas pioneiras neste aspecto e cunha reconversión do centro que, dende fai un par de décadas, permitiu recuperar este espazo para os cidadáns”.

Fronte á visión de Pontevedra sitúan a Madrid, “porque se trata dunha cidade caracterizada por unha mobilidade inasumible, pero que neste último lustro está a experimentar un intenso cambio no que a mobilidade ciclista se refire”.

Tamén lembran que “no medio das dúas está Valladolid, que co novo equipo de Goberno, unha vez asentados tras case un ano de transición, abre novas posibilidades no que a mobilidade sostible e ciclista se refire”.

O concelleiro Luís Bará interviu xunto a Carlos Blanco, cicloactivista de Madrid (membro do colectivo Madrid en Bici) e Luis Vélez, concelleiro de Seguridade e Mobilidade de Valladolid. Ao encontro estiveron convidados asociacións de comerciantes, colectivos do taxi, a empresa do transporte urbano da cidade, federacións de asociacións de veciños…