Valladolid convida a Pontevedra a expor o seu modelo de cidade, nun momento de cambio de mobilidade na vila castelá

49

O Concello de Pontevedra participa mañá no debate “Modelos de ciudad, tres visiones” organizada pola Asamblea Ciclista de Valladolid, ao que asistirá o concelleiro de Medio Ambiente Urbano, Luís Bará. Será ás 19.00 horas no Museo del Patio Herreriano.

Luís Bará estará acompañado nesta mesa redonda de Carlos Blanco, cicloactivista de Madrid (membro do colectivo Madrid en Bici) e Luis Vélez, concelleiro de Seguridade e Mobilidade de Valladolid.

Con esta conferencia, a Asamblea Ciclista de Valladolid o que pretende é pór sobre a mesa o modelo de cidade no que se quere traballar en Valladolid “polo menos ao que á mobilidade sostible e ciclista refírese. Se escollemos Pontevedra e Madrid é porque se trata de dúas cidades diametralmente opostas: a cidade galega aposta por un tipo de mobilidade claramente peonil, con iniciativas pioneiras neste aspecto e cunha reconversión do centro que, dende fai un par de décadas, permitiu recuperar este espazo para os cidadáns”.

Fronte á visión de Pontevedra sitúan a Madrid, “porque se trata dunha cidade caracterizada por unha mobilidade inasumible, pero que neste último lustro está a experimentar un intenso cambio no que a mobilidade ciclista refírese”.

Tamén lembran que “no medio das dúas está Valladolid, que co novo equipo de Goberno, unha vez asentados tras case un ano de transición, abre novas posibilidades no que a mobilidade sostible e ciclista refírese”.

O concelleiro Luís Bará intervirá durante un cuarto de hora para expoñer o modelo de cidade de Pontevedra, a súa posta en marcha, evolución, e o seu futuro. Tamén está previsto abrir un debate co público asistente no que estarán como convidados asociacións de comerciantes, colectivos do taxi, a empresa do transporte urbano da cidade, federacións de asociacións de veciños…