Comeza a rehabilitación integral 
da rúa Areal, en Lourizán

52

O Concello de Pontevedra iniciou hoxe os traballos de reforma da rúa Areal, en Lourizán, para mellorar a accesibilidade e mobilidade, e dar servizo a veciños e ás mariscadoras que empregan este acceso a diario para acceder á pasarela peonil sobre a autovía de Marín.

A obra ten un custe de 60.000 euros, e consistirá na pavimentación de toda a rúa dende o Santo até a autovía, e crearase un circuíto peonil para acceder á pasarela pasando polos espazos que empregan as mariscadoras para o seu traballo diario, de tal xeito que garanta unha mobilidade segura.

Estes traballos inícianse logo da Semana Santa, despois de que o Concello rematase os traballos de seguranza viaria e accesibilidade na praza dos Praceres, que só están pendentes da instalación da sinalización horizontal e vertical.

Na praza dos Praceres reordenouse o tráfico, creáronse máis prazas de estacionamento, calmado do tráfico, eliminación de barreiras arquitectónicas, e a creación dunha ruta segura para os escolares.