A reforma de Barcelos pasa con nota a avaliación da comunidade escolar

90

Nenos e nenas xogando ás portas do colexio, nais e pais debatendo sobre como integrar a praza e novo espazo peonil, profesores avaliando o resultado da reforma… todos eles sobre a plataforma única que converte nun espazo continuo centro educativo-praza. Unha imaxe inusual até hoxe dun espazo ocupado de sempre por unha vía chea de coches, con dobre fila de estacionamento e pequenos baixando de vehículos mesturados cos moitos rapaces que chegaban andando a clase. A reforma da praza pasa con nota a avaliación da comunidade escolar do CEIP Barcelos.

Aínda quedan cousas por facer nunha praza reformada e chamada a ser “un gran patio de recreo” e unha gran área de xogos e actividades deportivas para todos. No primeiro día desta nova etapa achegáronse ao colexio os concelleiros de Mobilidade e Educación, Luís Bará e Carmen Fouces, para avaliar coa comunidade educativa (ANPA e xefe de estudios) os cambios e coñecer as súas propostas para a elección e ubicación de equipamentos deportivos e de xogos no exterior.

Na xuntanza falouse da ampliación do parque infantil coa inclusión dunha zona cuberta; de melloras para a praza, da dotación de equipamentos deportivos e de unha posíbel intervención artística neste espazo de lecer infantil a cargo do alumnado do CEIP Barcelos. A posibilidade desta intervención artística será trasladada ao equipo redactor da reforma da praza para avaliar a mellor manera de levala a termo.

Co fin de falar de propostas máis concretas, reuniranse de novo a comunidade educativa, incluíndo o alumnado, e as arquitectas redactoras da reforma da praza o próximo martes, 5 de abril.