Boa acollida da rehabilitación integral da vía principal de Agrovello, en Lourizán

47

Os veciños do lugar de Agrovello, na parroquia de Lourizán, acolleron moi ben o proxecto de mellora da estrada principal que consiste na rehabilitación integral da vía que incorpora elementos de calmado de tráfico por 92.683,16 euros. O concelleiro delegado da parroquia, Demetrio Gómez mantivo onte pola tarde un encontro cos veciños do lugar para presentarlles a proposta municipal, que foi unha das priorizadas no Consello parroquial.

A rehabilitación farase dende a sede da Estación fitopatolóxica do Areeiro até o final do lugar de Agrovello, uns 720 metros. Consistirá na pavimentación de toda a vía, que se atopa en moi mal estado, a canalización de augas pluviais seguindo o discurrir habitual destas augas, a instalación de lombos entre outras medidas.

Este proxecto está incluído dentro dun máis global que pretende mellorar a conexión da parroquia de Lourizán co centro da cidade, dende a avenida de Vigo até o final da parroquia, no lugar de Cunchidos, seguindo as vías municipais rehabilitadas e con tráfico calmado.