Medio millón de euros para obras de mellora en Lourizán

67

O Concello investirá arredor de medio millón de euros en obras de acondicionamento, de mellora da accesibilidade e seguranza viaria e de dotación de servizos en Lourizán. Os proxectos foron presentados polo concelleiro do Rural, Demetrio Gómez, na última reunión do Consello parroquial onde teñen voz os distintos colectivos veciñais e sociais da zona.

As actuacións anunciadas son as seguintes:

  • Obras de seguranza viaria e acondicionamento na contorna do colexio dos Praceres, que inclúen a instalación de nova iluminación, medidas de calmado de tráfico e a reforma de rúa diante dos bares da zona
  • Acondicionamento da Praza dos Praceres
  • Mellora e acondicionamento da zona da Carballeira
  • Actuacións específicas para mellorar a seguranza viaria na contorna do colexio da Carballeira
  • Mellora da accesibilidade e acondicionamento da zona do Cabo
  • Acondicionamento da zona de Agrovello: reparación de quenllas, novo asfaltado, pintura, sinalización e medidas de calmado de tráfico
  •  Construción de novos nichos no cemiterio

O concelleiro Demetrio Gómez valora as suxestións “sempre construtivas” feitas polos representantes da veciñanza no Consello parroquial de Lourizán. A este foro levou o acordo do Pleno municipal polo que o Concello comprometeuse a buscar terreos axeitados para a construción dun novo campo de fútbol que substitúa ao derrubado, por imperativo xudicial, de Praceres.

O Concello ten previsto construír neste mandato unha rede municipal de campos de fútbol de herba sintética no que podería ter cabida esta instalación deportiva. Demetrio Gómez deixou enriba da mesa a necesidade de contar coa colaboración dos veciños para atopar os terrenos e eles tomaron nota.