Obxectivo: 70% de reciclaxe para reducir á metade o custe do tratamento do lixo

102
  • O informe económico elaborado pola Deputación confirma que a máis reciclaxe, menos custe
  • A redución do custe tamén poderá repercutir na baixa da taxa que se cobra a os veciños

O Concello de Pontevedra presentou esta mañá os custes económicos do novo sistema de xestión e tratamento dos residuos do concello. Os concelleiros de Servizos e Infraestruturas, Carme da Silva e César Mosquera, respectivamente, explicaron que o custe do servizo poderíase reducir á metade, e significativamente tamén a taxa anual que se lle pasa ao cobro aos veciños, sempre que se acade unha reciclaxe do 70% dos residuos.

O novidoso sistema de recollida e tratamento de lixo que quere implantar o Concello de Pontevedra está baseado en dous piares: unha boa separación dos residuos en orixe, e a participación masiva dos veciños.

Pontevedra xa dispón do estudo económico do sistema, que está encartado dentro do traballo que a Deputación está a realizar para toda a provincia dentro do plan Revitaliza. Este estudo económico, que ten unha separata específica para o Concello de Pontevedra ao igual que para outros concellos que o solicitaron, só recolle os datos relativos á produción doméstica, quedando fóra os grandes produtores e os singulares.

Do estudo conclúese que:

Os custes do sistema ou a taxa que se lle cobra aos pontevedreses pódese reducir á metade se se consegue o obxectivo de reciclar o 70% dos residuos. Ao reciclar o 70% dos residuos reduciríase á metade o custe do servizo, e polo tanto, a taxa.

Melloras de carácter ambiental e social, xa que no horizonte do ano 2020 a Unión Europea esixirá a todos os estados o reciclaxe, cando menos, do 50% de todos os seus residuos.

Dado que o novidoso sistema que se implantará en Pontevedra ten como segunda pata a necesaria participación, o alcalde e a concelleira de Servizos, Carme da Silva reuniranse o vindeiro luns, 7 de marzo, ás 13.00 horas cos presidentes das Federacións de veciños Castelao e Teucro para presentarlles o novo sistema de recollida e tratamento de lixo, e comezando deste xeito as reunións coas asociacións de veciños de todo o concello.

O martes, na Comisión de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos, tamén se lles dará cumprida información aos grupos municipais, nunha sesión na que participará o asesor de residuos da Deputación de Pontevedra, Carlos Pérez, xa que dende o Goberno provincial ofreceuse a posibilidade que os asesores en reciclaxe informasen do estudo elaborado polo goberno provincial aos concellos que o desexasen. Pontevedra xa solicitara a súa participación.

Mecanismos sinxelos, moita reciclaxe

Para realizar este estudo provincial, os técnicos provinciais analizaron todos os sistemas de recollida e tratamento de residuos coñecidos -moitos deles con procesos moi complicados-, e chegouse á conclusión de que para manter un sistema alternativo “a taxa de residuos ten que ter unha media de 250 euros/ano”, explicaba co concelleiro César Mosquera. “Iso era inviable aquí”, concluíu.

Polo que se optou por buscar mecanismos máis sinxelos que acadasen niveles de separación altos, con custes de servizo moi baixos. Aplicando estas medidas conclúese que si se reciclan cantidades pequenas de residuo (sobre o 30%) os custes da reciclaxe dispáranse, xa que é preciso ter os dous sistemas de recollida.

Só cando os índices de reciclaxe superan o 50% empeza a baixar máis rapidamente o custe/taxa.

Pasar do 8% ao 70% de reciclaxe

Na actualidade, en Pontevedra, estase a reciclar ao redor do 8% de todos os residuos, e o obxectivo con este novo sistema é poder superar o 70%, seguindo o exemplo de concellos como o de Usúrbil que cunha poboación duns 6.000 habitantes está a reciclar máis do 70% dos seus residuos.

Este estudo económico tamén permite concluír o caro que é o servizo actual, no que o Concello envía todos os seus residuos a Sogama para seren incinerados.

Implantación nun ano

O Concello de Pontevedra estaría en condicións de comezar a implantar este novo sistema de recollida e tratamento de residuos a partir a partir dos meses de abril ou maio, e ter completado todo o municipio no prazo dun ano. Será un sistema novidoso, accesíbel, integrador e terá como principal socio colaborador: os veciños de Pontevedra.

O Goberno Local defende a novidade do sistema por ser un proxecto integrador dado que aborda todo o proceso englobado e á vez (reparto dos composteiros, retirada de colectores verdes, implantación simultánea e definitiva en todos os ámbitos); e pola rapidez coa que se está a executar, dado que os prazos máis optimistas podían falar de seis anos, pero a intención do Goberno Local é poñelo en marcha en pouco máis dun ano.

Pontevedra pon en marcha este novo sistema grazas ao traballo de recollida de información que leva facendo a Deputación provincial durante estes últimos meses, Tendo como obxectivo o tratamento da materia orgánica -os restos de comida-, tomouse o acordo de crear un sistema de recollida e tratamento dos residuos dividindo o concello en tres ámbitos:

Rural (ámbito de vivendas unifamiliares): óptase pola compostaxe individual. Non haberá unha recollida específica do colector verde, si dos específicos -cartón, vidro, fracción seca-. Contarán co asesoramento e seguimento do Concello.

Barrios. Ámbitos da cidade ou próximos con densidade de poboación media como A Parda, Salgueiriños, Monte Porreiro, Gorgullón… onde se opta pola compostaxe colectiva.

Centro e centro histórico: recollida da fracción orgánica, probablemente con colectores particulares e recollida porta a porta.

Ademais, tamén se contempla manter a recollida dos grandes produtores (supermercados, almacéns…) e dos produtores singulares.

O Concello xa puxo toda a maquinaria administrativa ao servizo deste proxecto polo que xa traballa na sectorización do concello en distintas zonas, na elaboración do censo de grandes produtores, na modificación do regulamento do servizo…

Decisións importantes nos vindeiros meses

Con este proxecto poranse sobre a mesa un grande número de elementos a resolver durante o vindeiro ano: o contrato de lixo que vence en xuño de 2017, a reformulación das taxas do lixo en función dos ámbitos nos que se atopen as vivendas, a construción da planta de compostaxe que se reformulará para unha capacidade dunas 10.000 toneladas e cun destino exclusivo para a capital da provincia, o reparto de milleiros de composteiros no rural e a reformulación dos colectores en todo o municipio…

O Concello de Pontevedra leva traballando en cambiar os sistemas de recollida e tratamento de residuos do concello durante moito tempo. Até o de agora os esforzos centráronse no proceso de construción da planta de composta da Canicouva, pero existen elementos máis ou tan importantes como a planta.

Solucións sinxelas, reducir o gasto enerxético e buscar beneficios para o medio como a redución CO2, son obxectivos finais deste macroproxecto que ten na súa esencia o modelo de cidade: mellorar a calidade de vida dos pontevedreses.

Memoria económica

Voces:

Carme da Silva: Lixo 1

Carme da Silva: Lixo 2

Carme da Silva: Lixo 3

César Mosquera:  Lixo 4

César Mosquera: Lixo 5